Publicador de contidos

Publicador de contidos

A primeira reunión en Kíiv dos enviados de Trump remata sen acordo concreto

A primeira reunión en Kíiv dos enviados de Trump remata sen acordo concreto

Os emisarios acordaron unha nova xuntanza con Zelenski e os socios europeos nas vindeiras semanas

Zelenski recibe os enviados de Trump en Kíiv. REUTERS/Valentyn Ogirenko Zelenski recibe os enviados de Trump en Kíiv. REUTERS/Valentyn Ogirenko
G24.gal 06/09/2026 17:37 Última actualización 06/09/2026 20:25

Os emisarios da Casa Branca para poñer fin á guerra en Ucraína, Jared Kushner e Steve Witkoff, reuniranse de novo nas vindeiras semanas co presidente Volodimir Zelenski e os conselleiros de seguridade de Alemaña, Francia e o Reino Unido.

Acordárono en Kíiv onde mantiveron unha xuntanza para buscar novos xeitos de facer avanzar o proceso de paz con Rusia, as garantías de seguridade e a viabilidade económica cando remate o conflito.

"Acordamos que se reúnan proximamente Ucraína, Europa e os EUA", dixo Zelenski nunha comparecencia conxunta cos enviados de Trump celebrada ao termo do encontro.

Kushner e Witkoff explicaron na reunión o que lles transmitiu a véspera o presidente ruso, Valdimir Putin.

"Desde a perspectiva do presidente Putin, creo que ten certos obxectivos. Expresa o que quere conseguir, pero obviamente ten algunhas aspiracións para o seu país que tamén poden conseguirse cando isto remate", dixo Kushner nunha posible referencia ás demandas de Moscova de volver facer negocios cos EUA.

 Zelenski tamén falou cos emisarios de Washington e cos seus socios europeos da axuda para este inverno. Se a guerra se prolonga, podería recibir novos medios de defensa antiaérea, en particular mísiles antibalísticos, e "un volume considerable de gas natural licuado dos EUA".

Nin Zelenski nin os dous negociadores estadounidenses anunciaron ningún acordo concreto con Rusia tras esta quenda de contactos de Kushner e Witkoff en Moscova e Kíiv.

REUTERS/Alina Smutko REUTERS/Alina Smutko

Primeira visita a Kíiv

Trátase da primeira visita dos enviados estadounidenses á capital ucraína, a onde chegaron en tren, porque "os rusos non permitiron que chegasen en avión", segundo Zelenski, malia decretar un cesamento dos ataques contra a cidade ata o luns.

Desde que Trump asumiu o seu segundo mandato, Witkoff e Kushner visitaron Rusia en varias ocasións pero os negociadores ucraínos sempre tiveron que se desprazar a outros países.

A última reunión entre o equipo de Zelenski e os emisarios estadounidenses tivo lugar a finais de marzo en Miami (A Florida), pero o presidente ucraíno tamén se reuniu en xullo en dúas ocasións con Trump, no marco do cume da OTAN e no despacho oval.

O diálogo entre ambas as dúas partes permanece estancado dende hai máis de seis meses pola guerra dos EUA con Irán e a imposibilidade de achegar posturas. Este sábado, os emisarios presentáronlle unha nova proposta a Vladimir Putin en Moscova.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade