OPINIÓN
2025, un ano clave para reindustrializar e fortalecer Galicia, por María Bastida
A inminente chegada de 2025 dá saída ás listas de propósitos, desexos e previsións. No ámbito económico, os retos suceden aos balances, sen quedar moitas veces claro se se está falando de expectativas ou obxectivos.
Neste contexto, Juan Manuel Vieites, presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), sintetizou nunha recente entrevista tres piares clave para a comunidade galega no próximo ano: aproveitar os fondos europeos para reindustrializar, garantir unha transición enerxética estable e competitiva, e axustar a fiscalidade para atraer investimento e evitar a deslocalización. Un bo resumo de cuestións esenciais para a capacidade de crecemento de Galicia.
O primeiro reto tradúcese na necesidade de mellorar a xestión e aproveitamento dos fondos europeos, un recurso vital especialmente nun momento en que a industria galega necesita modernizarse e diversificarse. Con todo, a lentitude na chegada destes fondos e a súa excesiva carga burocrática lastran a súa eficacia, ameazando o seu impacto real e poñendo en risco proxectos estratéxicos. A estas limitacións únese a necesidade de descentralizar a xestión dos fondos cara ás comunidades autónomas e de deseñar mecanismos que prolonguen o seu efecto máis aló de 2026.
Porén, esta descentralización debe ir acompañada dunha garantía de capacidade técnica e administrativa no ámbito autonómico para xestionar estes recursos. Pola contra, pode converterse nun pescozo de botella adicional. Neste sentido, Galicia debe aspirar a converterse nun modelo de eficiencia na utilización destes recursos, dando prioridade a sectores estratéxicos como a automoción, a industria alimentaria e a tecnoloxía.
O segundo gran desafío pendente é a autonomía enerxética, outro piar imprescindible para a nosa competitividade. Sen un marco xurídico estable e ordenado, os proxectos de enerxías renovables, especialmente os eólicos, seguirán paralizados. Galicia non pode seguir dependendo de terceiros para garantir a súa subministración enerxética; debe transformar a enerxía nun motor económico.
A creación dunha comercializadora enerxética por parte da Xunta é un paso interesante, pero insuficiente se non se traduce en beneficios tanxibles para as empresas e os fogares. A enerxía debe ser un motor que impulse o crecemento económico de Galicia. Adicionalmente, debemos tamén incluír a súa capacidade de actuar como elemento de cohesión territorial: sen un diálogo efectivo con comunidades locais, estes proxectos poden xerar tensións que freen o seu avance.
O terceiro punto crítico é a fiscalidade, nomeadamente unha carga fiscal crecente que penaliza tanto a empresas como a familias. É imprescindible deseñar políticas fiscais atractivas que incentiven o investimento, melloren as condicións de competitividade e, con ela, a capacidade de crecemento das empresas locais. A solución non pasa unicamente por reducir impostos, senón tamén por establecer incentivos que premien o investimento en sectores estratéxicos, consolidando un ecosistema atractivo para novos proxectos. A iso deberiamos engadir que estas medidas deben equilibrarse coa necesidade de financiar servizos públicos que sosteñan a economía. Unha política fiscal máis competitiva ten sentido, pero sempre acompañada dunha estratexia clara para garantir ingresos sostibles.
A estes retos súmase un desafío estrutural pendente: o mercado laboral. A combinación dun saldo vexetativo historicamente negativo e a falta de adecuación entre a oferta formativa e as demandas do tecido empresarial configuran un escenario complexo. Ademais, as políticas laborais erráticas agravan a situación. A imposición de medidas como a redución da xornada laboral ou os sucesivos aumentos do salario mínimo, sen un diálogo previo co empresariado, xera incerteza e eleva os custos operativos das empresas. Estas medidas deben necesariamente enmarcarse nun debate amplo que contemple a realidade de cada sector e sexa adaptable, sostible e orientado desde o consenso. Pola contra, córrese o risco de agravar a deslocalización e dificultar a competitividade das empresas nun mercado global.
Seguramente existen moitas outras cuestións de interese para Galicia en 2025 e máis aló. Mais temos que empezar por algures, e a visión cualificada do presidente dos empresarios galegos ofrece unha senda inicial clara e de interese. A súa aposta pola reindustrialización, a autonomía enerxética e unha fiscalidade competitiva establece un marco que convida o debate construtivo. Máxime cando esta proposta preséntase desde unha actitude de colaboración co goberno galego, clave para transformar estas accións en oportunidades reais para o desenvolvemento socioeconómico da comunidade galega. Confiemos, por tanto, que non quede no saco dos bos propósitos, eses que sempre deixamos pendentes.