526 casos de covid detectados esta semana nos puntos de cribado para viaxeiros
Entre as seis estacións de tren e os tres aeroportos realizaron máis de 13.000 probas en sete días
Desde que se puxeron en marcha, na véspera de Noiteboa, e en só sete días, serviron para facer aflorar medio milleiro de infeccións por coronavirus. Máis da metade foron localizados nas estacións de tren de Vigo Guixar e Vigo Urzáiz que entre as dúas sumaron 284 tests positivos.
En total, nas estacións galegas detectaron 439 casos de covid nunha semana.
No caso dos aeroportos, é no Rosalía de Castro de Santiago onde se fixeron máis probas e onde afloraron máis casos. En total nos aeroportos galegos cribáronse unha media de dez positivos ao día.
O servizo de cribados para viaxeiros xa realizou en total máis de 13.000 probas.
O Sergas manterá abertos estes puntos de cribado de viaxeiros ata, polo menos, pasar as festas de Reis. Serán de libre acceso para os usuarios do Adif, pero nos de Vigo e Pontevedra tamén están abertos con autocita para a poboación xeral.