600 pares de zapatillas deportivas terán unha segunda vida en Guinea
Dous corredores de Pontevedra puxeron en marcha a recollida solidaria, aberta ata o domingo
A ONG Silo Gambasse repartiraos entre os 800 alumnos dunha escola rural de Guinea
Piden colaboración a empresas e particulares para axudar cos custos do transporte
Máis de 600 pares de tenis agardan en Pontevedra por unha segunda vida en África. Son moitos máis dos que nunca imaxinaron xuntar estes dous corredores de maratón, impresionados polo éxito da súa iniciativa.
"O obxectivo noso era poder chegar a xuntar cen pares, sería todo un triunfo para nós, e ao final, como vedes, superamos todas as expectativas", explica Alberto Veiga, un dos promotores da campaña.
Hainos novos e usados, grandes e pequenos, e teñen un único requisito común, que estean en bo estado para que as poidan usar os estudantes dunha escola rural de Guinea. Un país onde o deporte e a escolarización teñen unha relación directa.
"Comprobaron que a través da práctica do deporte nas primeiras idades lograban aumentar a taxa de escolarización, é un aliciente para que vaian ás aulas", di Álvaro Rodiño, o outro promotor da campaña.
"A ONG Silo Gambasse fixo unha pista de atletismo para os nenos, e así os nenos van máis á escola pero non tiñan zapatillas. O que fixemos foi conseguilas, sobre todo tallas pequenas que son as que máis falta fan", engade Alberto.
A primeira etapa da carreira, a de conseguir os tenis, está superada. Agora toca chegar á meta levándoos a África. Para iso piden o apoio de empresas que poidan axudar cos custos do transporte.
"Imos enviar todo a Barcelona e alí a ONG Silo fai dous envíos. O primeiro é de nove maletas cos tenis dos máis pequenos, cada maleta con 35 pares custa 180 euros facturala", comenta Álvaro.
Esta fin de semana remata a recollida cunha carreira solidaria o sábado, en que toda Pontevedra está convidada a correr por Guinea. Unha iniciativa cun éxito de campionato, tanto que xa están pensando nas vindeiras edicións.