Agochan 80 participacións do sorteo de Nadal por Toén
A Asociación Amigos do Patrimonio de Toén estendeu este ano o xogo de pistas para atopar os décimos por todas as parroquias
De 40 sobres con dúas participacións cada un, 6 aínda non os deu atopado ninguén
A dez días do sorteo de Nadal, onde o van vivir con especial emoción é en Toén. A asociación Amigos do Patrimonio deste concello ourensán agochou por todas as parroquias 80 participacións de lotaría. Un xogo de pistas que mantén moi entretida a veciñanza mentres aprenden algo máis do seu patrimonio natural e histórico.
Entre 40 pistas esta foi a que escolleron elas, hai que coñecer moi ben o territorio e a historia de Toén para poder seguirlles os pasos aos décimos agochados.
Busca que busca, horas e horas; ao fin deron cun dos sobres plastificados que teñen dúas participacións dentro, en que xogan 4 euros por cada unha no sorteo de Nadal.
Este xogo comezou na pandemia nunha aldea de Toén, pero este é o primeiro ano que se estende a todas as parroquias do concello.
Pero acertar con eses 40 agochos non é doado, doce décimos aínda non os atopou ninguén.