Encontro nacional na Coruña de familias de persoas con Síndrome de Down
Máis de 500 persoas participan nas conferencias e actividades programadas
Unhas duascentas familias de persoas con síndrome de Down están na Coruña para compartir experiencias e abordar os retos presentes e futuros. Traballan xuntos na construción dun mundo máis inclusivo e máis xusto, no que estas persoas poidan desenvolver ao máximo as súas capacidades.
As familias son o motor dos cambios, os conseguidos e os pendentes. O encontro é un espazo de convivencia para continuar construíndo o camiño cara á inclusión real en todos os ámbitos, por suposto, tamén no educativo.
"A situación dentro das aulas ou dentro dos colexios non é a que nós queremos. Están alí, pero moitas veces non son atendidos como deberían", explica o presidente de Down España, Mateo San Segundo.
A xuntanza deunos a oportunidade de coñecer a Beatriz, un dos rostros visibles do Quiosco de Down Experience, ou de Pablo, que leva doce anos traballando en Inditex. Os dous representan unha minoría. Pouco máis do 10 % das persoas adultas con síndrome de Down están incorporadas ao mundo laboral.
O XXIII Encontro Nacional de Familias de Persoas con Síndrome de Down ten como centro neurálxico o Palexco, pero as visitas culturais e as actividades de lecer ocupan boa parte da programación.
A xornada do sábado comezou cunha visita institucional. A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, recibiunos no pazo de María Pita.