A poboación da provincia de Ourense sobe timidamente, o mellor dato en 15 anos
Foi un crecemento de apenas 145 habitantes, pero agárdase que supoña un cambio de tendencia
A provincia de Ourense, unha das máis envellecidas de toda España, gaña poboación. No último semestre de 2021 sumou 145 habitantes.
304.104 persoas son os datos da poboación da provincia de Ourense a xaneiro deste ano. O INE contabiliza 145 persoas máis que seis meses antes. E por tímido ou escaso que poida parecer este crecemento o certo é que os datos son os mellores da serie dende o ano 2007.
Trátase sobre todo de poboación inmigrante ou chegada doutras provincias que elixen non só a cidade de Ourense para asentarse, senón tamén as zonas rurais que son as que máis sofren o despoboamento.
"Paréceme un bo síntoma, iso quere dicir que estamos atraendo poboación de moi distinto tipo. Moitos son inmigrantes ou fillos de inmigrantes que volven", di Alberto Saco, demógrafo e sociólogo.
"E por outro lado ten tamén uns fluxos que veñen das zonas máis poboadas do país despois da covid que queren buscar sitios máis tranquilos. Aquí temos un potencial bárbaro para ofrecer uns recursos que están sen poñer en valor", asegura Saco.
Din que cambia a tendencia, que hai unha corrección dos desequilibrios entre as zonas rurais e as urbanas, moito máis poboadas. Aínda que segue morrendo máis xente da que nace, hai moitos concellos rurais que gañan poboación por saldo migratorio. A Ourense chega sobre todo xente procedente de Venezuela, que ten aquí as súas orixes.