Atopan en Santiago un can morto e outro en estado crítico, engaiolados, sen comida nin auga
O can que logrou sobrevivir recupérase no refuxio de animais
A policía autonómica detivo unha persoa como presunta autora de maltrato animal
Entre as ducias de cans e gatos abandonados que atende o persoal do refuxio de Santiago chama a atención Turco. Este can de augas compartiu unha vida de maltrato humano cun compañeiro que non tivo a boa sorte del. Leva no refuxio dúas semanas e, polo que conta a directora, o seu estado mellorou moito.
"Chegou moi moi delgado. Ten o pelo cheo de nós. O seguinte paso será pasalo polo salón de peiteado, tamén por cuestión de saúde, porque non é só cuestión de estética dado que eses nós estarán a tirarlle un montón no lombo. Come cun apetito grande. É un canciño moi agradecido e... agardamos que pouquiño a pouco vaia recuperando e que cambie a súa sorte", explica Olalla García.
A Turco deulle a vida, paradoxalmente, un incendio acontecido a finais de abril nunha leira do lugar compostelán de Bando. As pescudas arredor do sinistro levaron ao achado dunha gaiola onde había un can morto, supostamente de inanición e noutra estaba Turco nun estado moi malo, polo que precisou coidados veterinarios.
"Estaba nunhas condicións terribles e a policía decidiu envialo para o refuxio", lembra a directora.
A Policía Autonómica detivo unha persoa acusada de maltratar os dous cans. Ademais de engaiolados continuamente, os animais non tiñan acceso a auga nin comida. E todo iso nun espazo deficiente en limpeza e na hixiene dos animais.
Turco aínda treme debido á mala vida que lle deu o humano arrestado. Agora comparte espazo cunha chea deles que tamén foron abandonados e agardan que alguén os integre nun fogar:
"Ben sexa de adopción ou de acollida. Lembre os animais que temos no refuxio e que o importante é previr; por favor, sexa responsable e non críe de xeito indiscriminado", sinala Olalla García.
Dentro duns días, Turco pasará polo salón de peiteado para desfacerlle os moitos nós que ten e avanzar na súa recuperación.