Publicador de contidos

Publicador de contidos

A que festa irás esta fin de semana? Descubre algunhas aquí

A que festa irás esta fin de semana? Descubre algunhas aquí

Desde as Festas do Monte da Guarda ata a Maruxaina de Cervo, case toda Galicia está en festas

Festa do Polbo no Carballiño no día de onte Festa do Polbo no Carballiño no día de onte
G24.gal 09/08/2023 19:25 Última actualización 09/08/2023 20:41

Coa segunda semana de agosto comeza a fin de semana con máis festas do ano. É case imposible atopar concello sen algunha celebración. Por iso, traemos algunhas das máis importantes destes días para ter onde elixir.

FESTIVAIS E CONCERTOS
O verán é o momento perfecto para gozar da música ao aire libre, de aí a grande oferta.

Noroeste Estrella Galicia (A Coruña)
Desde hoxe celébrase este festival que acollerá a actuación de máis de 50 bandas entre hoxe e o sábado por diferentes zonas da cidade. Hoxe destaca no Porto as actuacións de The Rapants, Rayden e La M.O.D.A.

Noites de María Pita (A Coruña)
Sen saír da cidade herculina, o domingo chega ás 22:00 horas Los40 Summer Live, con artistas como Zzoilo, Marlon, Álvaro de Luna ou Miki Núñez.

O Marisquiño (Vigo)
 Volve a Vigo este coñecido festival entre os días 10 e 13 de agoto. Mestura deporte e cultura urbana con actuacións e actividades durante toda a fin de semana. Ademais, este xoves xúntase co concerto gratuíto en Castrelos da artista Bad Gyal ás 22:00 horas.

Atardecer no Gaiás (Santiago)
Compostela continúa con este ciclo de concertos de balde nos exteriores da Cidade da Cultura. Esta semana hai cita dobre: o xoves 10, con Bejo, e o venres 11, con Lontreira. Ambos os dous darán comezo ás nove da noite.

Costa Feira (Sanxenxo)
Sanxenxo acolle concertos sen pausa desde este mércores ata o sábado. Hoxe estará FernandoCosta e La Plazuela e mañá collen a remuda Juancho Marqués e Al Safir. O venres soben ao escenario Taburete e Malmö 040, antes de que o sábado Ters, 84 e Pol 3.14 fagan gozar os asistentes coa súa música.

Festa da Carballeira (Zas)
Xa na súa edición 37ª, Zas contará este venres e sábado coa presenza de coñecidas agrupacións de música tradicional e folclórica, que chegan desde distintos puntos de Galicia e do estranxeiro.  

FESTAS GASTRONÓMICAS
Comer é un goce para moitos durante o verán, e a gastronomía galega permítenos ter gran cantidade deste tipo de festas.

Festa do Polbo (O Carballiño)
Esta Festa de Interese Turístico Internacional xa nos deixou coa ración de polbo á feira máis grande do mundo este mércores. A degustación deste produto continuará toda a fin de semana con actuacións musicais de acompañante.

Festa da Lamprea Seca (Arbo)
Declarada de Interese Turístico, a Festa da Lamprea Seca de Arbo engloba degustacións, música e actividades deportivas, como unha andaina e a festa da bicicleta.

Feira do viño de Monterrei (Verín)
Na súa 16ª edición, a Feira do Viño de Monterrei ofrece a degustación de viños a prezos populares, ata 5 por 10€. Os tres días haberá concertos a partir das 00:00, como The Rapants ou Fillas de Cassandra.

Festa gastronómica dos Produtos do Mar (A Illa de Arousa)
Esta fin de semana arranca esta festa que ofrece unha variedade de produtos como polbo, mexillóns, nécoras, berberechos, sardiñas..., todo a prezos populares.

Festa do Mexillón e do Berberecho (Vilanova de Arousa)
Ben preto, en Vilanova, a Festa do Berberecho e do Mexillón tamén ofrece música á parte dos seus pratos. O venres actúa Panorama; o sábado, De Vacas, e o domingo, Roi Casal. 

Festa da Ostra (Sanxenxo)
Celébrase na parroquia de Noalla-A Lanzada, e xa fai 30 anos. Durante a degustación tocarán grupos de música. 

FESTAS PATRONAIS
 
San Roque (Vilagarcía de Arousa)
Está declarada como de Interese Turístico Nacional e comeza estea semana con actuacións. A semana que vén continuará con máis actividades, como a famosa Festa da Auga.

San Roque e Nosa Señora (Viveiro)
Os pasacalles de cabezudos serán o principal atractivo da mañá, e tamén haberá actuacións. Como en Vilagarcía de Arousa, os festexos continúan a semana que vén.

Nosa Señora do Mar (Cedeira)
As festas esténdense desde o venres 11 ata o xoves 17, con xogos, verbenas, fogos e tamén un Entroido de Verán e unha festa da espuma. Sen esquecer a tradicional misa e a procesión marítima.

A Peregrina (Pontevedra)
Dan comezo as festas máis coñecidas da cidade pontevedresa co pregón o sábado. A música será a gran protagonista todo o día, e á noite chega Los40 Sessions e o domingo, La M.O.D.A. e Furious Monkey House.

Virxe de Monserrat (Monforte de Lemos)
Os días grandes terán lugar a comezo da semana que vén, pero esta fin de semana comeza con verbenas e o Festival Cómico Festico A Rúa é Vosa.

Romaría de Neixón-Cespón (Boiro)
Esta romaría campestre celébrase esta fin de semana cun acto litúrxico en honra á Virxe do Carme e de San Xosé.

FESTAS POPULARES

A Maruxaina (Cervo)
Esta festa declarada de Interese Turístico escenifica o a lenda da Maruxaina, unha ninfa do mar que foi raptada polos mariñeiros e despois xulgada. Celébrase o venres, pero o día grande é o sábado 12. 

Festas do Monte (A Guarda)
Tamén declarada de Interese Turístico, tras unha semana de verbenas chegará a fin de semana grande. O sábado pola mañá terá lugar o desfile de bandas mariñeiras e o domingo, a subida das bandas ao Monte Trega coa xura de cada ano.

Mercado Medieval (Mondoñedo)
Outra Festa de Interese Turístico de Galicia, que enche a contorna da catedral de postos, degustacións, actuacións, xogos... Destaca o Gran Torneo Medieval e a cea medieval.

Festa Mexicana (Avión)
Fai dezasete anos esta festa que celebra a cultura mexicana que vive na vila. O venres 11 haberá postos de comida, actividades e mariachi.

Baixada de Carrilanas a San Mamede (Valdoviño)
Chega ao cuarto de século esta baixada, que ademais tamén inclúe outras competicións como un concurso de saltos ou un karaoke.

Edición do Marisquiño do 2022 en Vigo Edición do Marisquiño do 2022 en Vigo
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar