A restauración adáptase á demanda de menús sen glute para as persoas celíacas
Hai 300 establecementos hostaleiros adheridos ao programa A restauración sen glute
Máis de 3.000 persoas teñen celiaquía en Galicia e reclaman a redución dos prezos dos produtos sen glute
En Galicia hai máis de 3.000 persoas celíacas, e aínda que cada vez son máis os produtos e os menús adaptados, a cesta da compra segue sendo máis cara para eles, ata 1.400 euros anuais máis.
O programa A restauración galega sen glute ao que están adheridos 300 establecementos ofrece unha oferta gastronómica segura para persoas intolerantes.
Afeitas están as persoas celíacas a ver limitada a súa oferta gastronómica á hora de elixir o prato dun menú. Por iso descubrir establecementos coma a cervexería Sindueña, onde toda a carta está libre de glute e tamén teñen variedade de cervexas que poden consumir de xeito seguro, é xa motivo para celebrar nela os xantares da Asociación de Celíacos de Galicia.
"Ao final é importante ter opcións para saír fóra da casa comer. Somos seres sociais, gústanos gozar comendo coa nosa xente e poder facelo cun menú seguro, sen glute e fóra da casa para nós é importante", explica Gloria Bernárdez, presidenta da Asociación de Celíacos de Galicia
"Están encantados. Lembro unha cativa con celiaquía que chegou aquí e que lle dixo a súa nai que aquí se sentía como unha persoa normal, por ter o menú completo para poder elixir. Hai exemplos todos os días", asegura Guillermo Cutrín, do restaurante Sindueña que ten toda a carta do establecemento sen glute.
A Consellería de Política Social e Igualdade anovou o seu convenio coa asociación para fomentar un comercio e restauración adaptado ás persoas con celiaquía, no que agora participan xa 300 establecementos.
"É un convenio de colaboración, único a nivel nacional e que lles permite de forma totalmente gratuíta a todos os hostaleiros adheridos recibir información permanente sobre como elaborar un menú para persoas celíacas. Ademais reciben asesoramento de que provedores poden ter para ter as mercadorías para ofrecer ese menú e un traballo de inspección sobre como se elaboran eses menús adaptados", anunciou Fabiola García, conselleira de Política Social e Igualdade
Desde a asociación, insisten en que os produtos sen glute chegan a ser catro veces máis caros, o IVE destes alimentos é máis alto ca o dos produtos ordinarios e piden beneficios fiscais no IRPF para persoas con esta doenza.