A UE acorda estender o certificado covid ata finais de xuño de 2023
O documento seguirá vixente para desprazarse entre os Estados membros
A Comisión quere conceder tamén certificados de vacinación para quen participe en ensaios clínicos

Os países da Unión Europea chegaron a un acordo este venres para estender o certificado dixital covid un ano, ata o 30 de xuño de 2023. Deste xeito, os viaxeiros poderán seguir utilizando ese documento para desprazarse entre os Estados membros.
"O Certificado Digital COVID xogou un papel importante para facilitar a libre circulación de persoas durante a pandemia. E segue vixente o principio de levantar gradualmente as restricións de viaxe se a situación epidemiolóxica o permite", indicaron fontes do Consello Europeo.
Os embaixadores permanentes ante a UE aprobaron formalmente o mandato negociador para prolongar o regulamento que establece ese certificado.
O pasado 3 de febreiro a Comisión Europea propuxo estender un ano máis ese documento e introduxo outras modificacións, como incluir as probas de antíxenos de laboratorio de alta calidade entre os tipos de test para os que se pode emitir un certificado e conceder tamén certificados de vacinación para quen participe en ensaios clínicos.
Para que a prolongación do certificado poida ser adoptada a tempo, o Consello e o Parlamento Europeo deberán acadar un acordo antes do próximo 30 de xuño.