Publicador de contidos

Publicador de contidos

A voz das vítimas é esencial na erradicación da violencia machista

A voz das vítimas é esencial na erradicación da violencia machista

En Galicia hai máis de 4.000 casos de violencia de xénero en seguimento, e os xulgados reciben cada día uns 17

As vítimas coinciden en que para saír do círculo do maltrato é fundamental contar con axuda

G24.gal 25/11/2021 14:25

En Galicia hai máis de 4.000 casos de violencia de xénero en seguimento, e os xulgados reciben cada día uns 17 asuntos relacionados co maltrato de mulleres. As vítimas non teñen un único perfil. Nun día coma este, a súa voz é imprescindible para poder comprender mellor o calvario polo que pasan. Unha situación en que procurar axuda no seu círculo máis próximo e nos profesionais é imprescindible.

Explica Inés Fernández vítima da violencia machista que "as miñas fillas devolvéronme a vida, pois se non é por elas, eu hoxe non estaría aquí porque non tomaría esa decisión". A decisión de denunciar logo de sufrir malos tratos ao longo de 29 anos e tres intentos de asasinato. No último tivo que ser ingresada na UCI.

En Galicia hai 4.000 mulleres con casos activos por violencia de xénero e hai 113 maltratadores que están sendo sometidos a seguimento a través de dispositivos telemáticos. 

"Se nos désemos de conta do que sofren os fillos, tomariamos outras medidas"

Cada persoa ten unha realidade distinta, pero moitas mulleres coinciden en que para saír do círculo do maltrato é fundamental contar con axuda. Primeiro no círculo máis próximo da vítima, a familia e os amigos, que amais, sobre todo os fillos, sofren tamén con esa violencia.

Neste senso, reflexiona Inés Fernández que "os nenos dende que son pequenos e van crecendo danse conta de máis cousas das que pensamos nós. As miñas fillas dinme que se as mulleres vítimas de violencia de xénero nos désemos de conta do que sofren os fillos, tomariamos outras medidas". 

O certo é que para saír do círculo de malos tratos, o proceso é longo e doloroso e non se logra superar de todo. "Non pasa tan facilmente. El segue no cárcere e aínda está aí, e nós aínda loitando para que non saia e para protexer as nosas vidas", indica Inés. 

"Cambiar os horarios e tamén as rutas"

Precisamente, para axudar neste proceso están os profesionais, como por exemplo as forzas de seguridade, psicólogos ou as asociacións que lles dan as pautas para marcar o camiño. Tamén os escoltas están presentes en moitos casos de violencia de xénero, como é o caso de Manuel Losada, que agora non exerce pero si recolleu varios consellos nun libro.

"Cambiar os horarios e tamén as rutas, intentar buscar rutas alternativas aos puntos aos que hai que ir. Mirar o vehículo que nos precede e, no caso de ir a pé, intentar ir sempre coa masa, coa masificación, non meterse por lugares illados" son algúns dos consellos que facilita Manuel Losada, para guiar as vítimas de violencia de xénero cara a unha unha nova vida. 

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade