A Xunta ampliará ata os 21 anos a atención psiquiátrica en casos de autismo
Fixo este anuncio na xornada organizada pola Consellería de Sanidade pola conmemoración do Día Mundial da Saúde Mental
A atención psiquiátrica infanto-xuvenil ampliarase ata os 18 anos, chegando ata os 21 nos casos de trastorno do espectro autista, no sistema público de saúde de Galicia, anunciou este xoves o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño.
O representante da Xunta fixo este anuncio na xornada organizada pola Consellería de Sanidade con motivo da conmemoración do Día Mundial da Saúde Mental.
Na súa intervención, Gómez Caamaño remarcou que a saúde mental é un asunto de especial sensibilidade que necesita dunha abordaxe multidisciplinar e que para o Executivo autonómico "é prioritaria".
Considerou fundamental actuar desde a infancia e a mocidade para unha poboación futura máis saudable, e nesta liña puxo en valor o traballo levado a cabo pola Xunta no seu plan de saúde mental 2020-2024, que segundo explicou, permitiu contratar 244 profesionais e establecer novas unidades como as de Tui, Oleiros e Ponteareas.
Ademais, precisou que como parte de dito plan, a Xunta puxo en marcha sete unidades de prevención do suicidio, unha por área sanitaria, e impulsou hospitais de día de saúde mental infanto-xuvenil.
O conselleiro avogou por impulsar iniciativas que contribúan a desestigmatizar o suicidio e indicou que unha das medidas postas en marcha pola Xunta neste sentido foi a creación dun novo modelo de prevención do suicidio na mocidade.
Trátase do programa YAM, que leva psicólogos e formadores aos centros escolares, e que en 2028 chegará a toda a poboación de terceiro curso do sistema de educación secundaria, ESO.
Gómez Caamaño incidiu en que a Xunta elaborará un novo plan de saúde mental que permitirá afrontar os desafíos dos próximos catro anos, co obxectivo de incorporar psicólogos clínicos en centros de saúde dependentes dos servizos de psiquiatría.