A Xunta volve poñer en marcha este verán o Bono Concilia Familia
É unha axuda de entre 200 e 500 euros para custear campamentos de verán de nenos menores de 13 anos ou coidadores en casa
A convocatoria para solicitar esta axuda comeza no mes de setembro presentando as facturas correspondentes
Teñen prioridade as familias nas que os dous pais traballan
Cando remata a escola e comeza o verán, moitas nais e pais teñen que buscar distintos recursos de conciliación da vida familiar e laboral, como poden ser os campamentos de verán para que a cativada estea atendida mentres eles traballan.
E para iso, este ano a Xunta volve poñer en marcha as axudas para financiar os campamentos a través do Bono Concilia Familia.
"Son axudas de 200 a 500 euros para que os pais poidan custear o que lles supón levar a un neno a un campamento de verán. O noso obxectivo é continuar axudando a todas as familias, durante todo o ano, non só coa gratuidade das escolas infantís, senón tamén cos que son un pouco maiores ata os doce anos, para que poidan ir a eses campamentos, dándolle sempre esa prioridade a esas familias nas que os dous pais traballan", di Fabiola García, conselleira de Política Social.
A convocatoria para solicitar estas axudas comeza no mes de setembro. Nais e pais que a soliciten terán que xustificar os gastos presentando as facturas correspondentes.
"O ano pasado cubrimos a totalidade, fixemos un incremento de crédito de máis dun millón de euros e cubrimos todas. Cubre campamentos e verán, ludotecas, distintos servizos que os propios concellos poñen en marcha financiados tamén pola Xunta. Nós acabamos de poñer en marcha unha convocatoria de 6 millóns de euros que está destinada a todos os concellos galegos para que tamén sexan eses campamentos municipais financiados polo Goberno e que sexan unha axuda máis", engade.
Deste bono pódense beneficiar as familias con cativos menores de 13 anos que vivan en Galicia e pódese empregar tamén para axudar a sufragar coidadores na casa.