Prevención, apoio a empresas e acompañamento a traballadores; así é o plan da Xunta para reducir baixas
Prevención, apoio a empresas e acompañamento a traballadores; así é o plan da Xunta para reducir baixas
A proposta do Executivo autonómico tratará de mellorar o benestar laboral, axilizar trámites e facer a todas as partes corresponsables
A creación da figura do acompañante para facilitar a volta saudable ao posto de traballo tras as baixas é unha das medidas máis innovadoras
Entre as 37 medidas figuran tamén un protocolo fronte a "abusos" de IT e unidades especializadas en patoloxías musculoesqueléticas e psiquiatría menor
O Consello da Xunta aprobou este luns un plan para "mellorar o benestar, a xestión das incapacidades temporais e impulsar o retorno saudable ao traballo". Terá como obxectivo "reducir as ausencias de traballo que sexan evitables".
O plan, segundo explicou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, suporá un investimento de 45 millóns de euros para a posta en marcha de máis de 40 medidas, "que incide na prevención, para evitar o que se poida que se produzan baixas, no apoio ás persoas que están de baixa e no apoio cando se produza a súa volta ao posto de traballo".
Segundo dixo Rueda, Galicia será "pioneira en España" ao poñer en marcha un plan destas características. E aínda que deixou claro que todos os traballadores con baixas laborais "obxectivas" "teñen todo o dereito" a acollerse a ela ata a súa recuperación, advertiu de que o absentismo está "lastrando" as empresas.
Algunhas das medidas incluídas no plan están na Estratexia de Benestar Laboral, para mellorar as condicións de traballo, e así evitar no posible que se produzan as baixas.
Ademais, haberá axudas para que microempresas e autónomos poidan contratar substitutos durante as baixas e servizos de atención psicolóxica e músculo esquelética para o persoal das pemes.
Tamén se vai crear a figura dun acompañante para facilitar a volta saudable ao traballo. "Ten que dar o consentimento a persoa traballadora", explicou o conselleiro de Emprego, José González, "e acompañará nese proceso de incorporación, facilitando a coordinación coa empresa, e co servizo de prevención, e acompañar e asesorar, se así o decide a persoa traballadora, en ningún caso controlala".
Estas medidas irán acompañadas dun reforzo no ámbito sanitario e na atención aos pacientes de baixa.
Incidir na prevención
O conselleiro de Emprego, José González, resaltou que o plan incide na prevención e, ante as críticas recibidas, insistiu en que "non se pon en dúbida en ningún caso" o dereito do traballador para estar de baixa xustificada e que prevalecerá o criterio médico dos profesionais de saúde, que "terán sempre a última palabra".
En canto á nova figura de coordinador de reincorporación, será persoal do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (INSS) que acompañará á persoa traballadora, se esta o permite, para facilitar a coordinación coa empresa e o servizo de prevención.
Pero o coordinador non poderá acceder á historia clínica nin interferir nas decisións dos profesionais sanitarios, pois a súa función "é acompañar e asesorar, en ningún caso controlar", asegurou o conselleiro, quen apuntou que este e outros aspectos técnicos do plan ultimaranse ata final de ano para entrar en pleno desenvolvemento en 2027.