As oficinas móbiles despregadas no Camiño de Santiago son aliadas importantes dos camiñantes
Gardas civís e policias nacionais comparten con xendarmes e axentes doutros países a vixilancia nos camiños a Santiago
Unha das oficinas móbiles que desprega o Ministerio do Interior no Camiño de Santiago nos meses de maior presenza de peregrinos estaba este luns preto de Melide. Neste caso están á fronte dous membros da Garda Civil e dous de Xendarmería francesa.
Entre os seus cometidos, atender calquera incidencia da que se alerte a través da aplicación de teléfono móbil Alertcops que, segundo nos contan, está a ter un número de usuarios crecente. Javier é dos que a levan instalada;
"Claro que si. Serve, pois, se tes un accidente no medio do Camiño. Para que teñan constancia da localización e se te encontras con problema, ves calquera roubo... é a seguridade", di o camiñante.
A aplicación ten un apartado específico para o Camiño de Santiago, e en máis dunha ocasión foi de grande utilidade para quen se afastou da ruta momentaneamente e non soubo retomala.
"Houbo casos de persoas que se desvían do trazado do Camiño, mandan as alertas á central, coas súas coordinadas para chegar a localizalos", di o cabo primeiro Agustín Couso.
Destaca ademais, a función SOS que se activa só con pulsala se o apuro ou idioma impide a comunicación oral. Ante a oficina móbil paran moitos peregrinos para incluír nos selos da súa compotela o cuño da Garda Civil. Outros paran ante a sorpresa que lles produce ver, neste caso, dous membros da Xendarmería francesa. Están aquí en comisión de servizo encantados, polo que nos din.
Clément Roussel , xendarme afirma que "A xente está feliz facendo o Camiño e o trato cos gardas civís é moi agradable. Por iso está a ser unha grande experiencia".
Johan Maison, tamén integrante da policía francesa destaca que "non estamos tan afeitos a ver xente feliz de encontrarse con xendarmes. Eu son antidisturbios e hai moita diferenza de encontrarse coa xente naquela situación a esta".
Experiencia moi positiva e enriquecedora para os dous corpos e tamén para os franceses que fan o Camiño. A fin de mes serán relevados. Segundo Carlos, garda civil: "Virán outros dous compañeiros franceses. E este ano, por vez primeira, virán compañeiros do Brasil, para reforzar a vixilancia do Camiño de Santiago tamén en comisión de servizo dun mes".
Coinciden en sinalar que este servizo ten moi boa acollida polos peregrinos e quen o desenvolven amósanse contentos coa tarefa que fan.