Arrancan as vendas de pélets de biomasa, que recuperaron os prezos de antes da crise enerxética
O saco de 15 quilos está a pouco máis de 5 euros e chegara a pagarse a 8. As distribuidoras prevén estabilidade nos prezos
Aínda en agosto, pélets e equipos de biomasa xa enchen os almacéns. Prepáranse para arrancar a campaña de vendas que, de momento, vai suave. Primeiro, porque hai reservas: "Como non houbo inverno -di Juan Garrido, de Lignus- houbo xente que tiña stock. Iso atrasou un pouco as novas compras".
Pero tamén houbo quen anticipou as compras a antes do verán. "Moitos fixeron abastecemento de produto polo IVE do 10 %, reducido ata o 30 de xuño" explica o presidente do Clúster da Biomasa de Galicia, Francisco Álvarez.
Os pélets tiñan o IVE rebaixado pola crise enérxetica e agora volveu á normalidade, igual que os prezos. O saco de 15 quilos está a 5 euros ou 5 e medio, pero chegara a pagarse a 8, e din que freara o mercado.
"Xa dende o ano pasado a xente volve confiar na biomasa -afirma Juan Garrido- e iso fai que o mercado volva á estabilidade." Na súa empresa, distribuidora de pélets e de equipos de biomasa, notan que se recupera a demanda e teñen xa instalacións por facer.
Calculan que para quentar unha vivenda de catro persoas haberá que gastar cousa de mil euros ao ano en pélets, pero a conta dispararíase con outras enerxías.
"En Galicia somos líderes no consumo de gasóleo para calefacción pola dispersión da poboación, e en comparación estamos en aforros do 40 ao 60%. Con respecto á electricidade pura, xa é impensable o que aforras", di o presidente do Clúster.
E sinala outras vantaxes dos pélets de biomasa: son unha enerxía limpa e ademais aquí temos a materia prima, as industrias de elaboración e as distribuidoras para pechar o ciclo en Galicia.