As carabelas portuguesas chegan a praias da Coruña e Carballo
En ambas as localidades procederon á súa retirada en canto foron detectadas este martes
As praias seguen abertas, pero cómpre estar atentos ás indicacións do persoal de salvamento

As carabelas portuguesas chegaron a praias da cidade da Coruña e ao municipio coruñés de Carballo, segundo informaron fontes municipais.
Desde o concello de Carballo confirmaron a aparición dalgunhas delas. Explicaron que se puxeron carteis de precaución e avisos en redes sociais, mentres que Protección Civil procedeu á retirada de carabelas.
No caso da cidade herculina, ratificaron que na xornada do martes apareceron cinco exemplares na praia de Riazor. "Persoal municipal procedeu á retirada practicamente ao momento, sobre as 21:30 e as 22:00 horas", apostilaron.
Na xornada deste mércores, non se notificaron máis aparicións nin máis avistamentos polo que a praia segue aberta. Con todo, desde o Goberno local instan a cidadanía a estar atenta ás indicacións do persoal de salvamento e á megafonía e a bandeira vermella "por se se chega a prohibir o baño, como o ano pasado".