Publicador de contidos

Publicador de contidos

Astete, especialista en saúde mental de Unicef España: "O 41 % dos adolescentes din que tiveron un problema de saúde mental nos últimos doce meses"

Astete, especialista en saúde mental de Unicef España: "O 41 % dos adolescentes din que tiveron un problema de saúde mental nos últimos doce meses"

Segundo os datos que achega o barómetro de opinión de infancia e adolescencia realizado por Unicef, máis do 80 % dos mozos non o falou con ninguén e máis do 50 % non pediu axuda

O 32 % dos mozos que empregaron as redes sociais din que senten moita presión e a necesidade de mostrar unhas vidas perfectas

G24.gal 20/11/2024 10:27

Hoxe é 20 de novembro, Día Mundial da Infancia e na CRTVG estamos na Semana da Infancia que realizamos xunto a Unicef para poñernos a todos nós na mirada dos máis pequenos, e a eles e a elas poñelos no centros das decisións e das prioridades a todos os niveis na sociedade.

Hoxe no informativo Bos días miraron en concreto a saúde mental, esencial no benestar integral dos nenos, nenas e adolescentes, sobre todo aí na adolescencia. Segundo a OMS, entre o 10 e o 20 % dos adolescentes experimenta problemas de saúde mental, e a metade das enfermidades mentais comezan antes dos 14 anos.

Sandra Astete, especialista en saúde mental de Unicef España, foi Entrevistada no Bos días e manifestou que no marco da pandemia decatáronse de que como sociedade, pero sobre todo entre os mozos e adolescentes, necesitábamos falar das enfermidades de saúde mental.

"Foron os mozos os que lideraron este debate e solicitaron máis recursos, máis información e máis apoio para poder abordar estes posibles problemas", subliñou Astete.

Segundo os datos que achega o barómetro de opinión de infancia e adolescencia realizado por Unicef, o 41 % dos adolescentes en España din que tiveron ou cren que tiveron un problema de saúde mental nos últimos doce meses. A metade non pediron axuda porque segue habendo prexuízos sobre a saúde mental.

"Catro de cada dez sinalan que tiveron un problema de saúde mental nos últimos doce meses, máis do 80 % non o falou con ninguén e máis do 50 % non pediu axuda.Isto demostra que segue habendo un estigma e que os mozos e mozas non teñen a confianza para poder falar cos seus pais, profesores ou con profesionais para poder abordar os problemas", manifestou a especialista en saúde mental de Unicef España.

Ao preguntarlle por onde se comeza a cambiar a todos os actores implicados para que se poida a falar deste problema, Astete manifestou que "a saúde mental é un problema multicausal que se necesita de todas as administracións públicas, o sector privado e aos expertos para poder abordalos". 

"Pedimos máis datos e máis coñecemento da situación actual para que se poidan comparar e políticas e medidas para mellorar a prevención e atención primaria. As familias teñen que saber como acompañar os nosos nenos, nenas e adolescentes nos seus diferentes estadios de desenvolvemento e cando identifican que pode haber un problema de saúde mental saber como abordalo e a onde derivar e a quen informar ". 

En canto as redes social, son unha ferramentas que usan os adolescentes e poden influír na xestión da saúde mental. Segundo o estudo do barómetro que presentou Unicef en outubro, o 98 % dos mozos consultados empregaron máis dunha vez as redes sociais. Máis do 70 % sinalaba que non sentira estrés sobre a información que recibiran, máis do 72 % afirmaba que puideron expresar as súas emocións en relación á saúde mental, pero o 32 % sinalaron sentir moita presión nas redes sociais e a necesidade de mostrar unhas vidas perfectas e unha saúde mental perfecta a pesar de que non o era. Este dato increméntase máis no caso das mozas, onde o 50 % tiña unha presión enorme por ter un corpo perfecto. 

En Unicef insístese moito en darlle voz aos nenos e nenas na súa participación nos espazos de decisión en temas que lles corresponde a eles por iso é fundamental escoitalos. Segundo Astete, as administracións teñen que brindarlle espazos para que poidan opinar e valorar re revisar as normas e políticas que lles atinxen en materia de saúde mental. A súa participación é un elemento substantivo para poder abordar a saúde mental en positivo dos nosos mozos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade