Aumentan as picadas de faneca nos areais galegos
Só no mes de xullo rexistráronse máis de 700 picadas nas praias de Sanxenxo
Mide entre 15 e 50 centímetros, ocúltase baixo a area na beira do mar e a súa picada é tremendamente dolorosa. Estamos a falar das fanecas, un peixe velenoso que só durante o mes de xullo picou a máis de 700 persoas nas praias de Sanxenxo, 70 máis que o ano pasado.
Guillermo Dorado, coordinador dos socorristas de Sanxenxo, cre que este incremento de picadas débese á maior afluencia de turistas e a que a temperatura da auga é mais elevada ca en anos anteriores.
A maioría dos turistas non saben de que lles estamos a falar cando preguntamos polas fanecas e os que o saben non teñen moi claro o que deben facer se pisan unha. Uns din que hai que botarlle auga osixenada e outros que hai que somerxer a picada en auga fría.
O mellor nestes caos é pedir axuda aos socorristas. Eles recomendaranlles como actuar no caso dunha picada de faneca.
Guillermo apunta que o mellor remedio é meter a zona da picada en auga quente, como mínimo a 45 graos centígrados, durante uns 30 minutos. Di que se non temos auga quente podemos meter a zona afectada baixo a area quente para aliviar a dor.
Para non pasar por este mal momento os socorristas recomendan usar zapatillas de auga e evitar a beira do mar coa marea baixa que é cando máis picadas se rexistran. Se seguen estes sinxelos consellos poderán desfrutar dunha xornada de praia sen preocuparse polas fanecas.