Avanzan accións xudiciais polas lesións dun axente nun incidente na Lavacolla cun cargo de Igualdade
Avanzan accións xudiciais polas lesións dun axente nun incidente na Lavacolla cun cargo de Igualdade
O relato policial dos feitos que sucederon o luns fai constar insultos e ameazas do home, que pasou a noite do luns na comisaría:"Detédesme porque son de Podemos"
O sindicato policial SUP avanza a súa intención de impulsar accións xudiciais polas lesións nunha man que sufriu un axente da Policía Nacional cando exercía o seu traballo no marco dun incidente no aeroporto de Santiago, e no que se viu implicado, sostén, un cargo do Ministerio de Igualdade.
"Aquí ninguén coñecería a condición de membro dun partido político, pero foi el nunha das mencións que fixo: 'Que me detedes porque son de Podemos, que me detedes porque son gay e sodes uns fascistas mañá ides estar sen o uniforme', esas ameazas deron pé e confirmouse que tiña algunha pertenza a algún grupo político, asegura o secretario xeral do SUP en Galicia".
O secretario xeral do sindicato policial Sup en Galicia asegura que José Andrés del Reino Cárdenas e a súa parella insultaron e ameazaron dous axentes de servizo, cando intentaban identificalos no aeroporto de Santiago. Ao parecer, o persoal da aeroliña requirira a intervención da Policía debido a un problema cos dous pasaxeiros no momento do embarque.
"Nese proceso de identificación séguense negando e ameazando ata que nun momento de querer fuxir prodúcese un golpe dunha porta á man dun axente e esa persoa é detida e trasladada a comisaría para privala de liberdade".
O conflito comezou cando a parella ía embarcar nun voo de Ryanair con destino a Madrid e as azafatas advertíronlles que a súa equipaxe excedía o límite máximo permitido pola compañía. Ante o cariz da discusión o persoal da empresa decidiu avisar a Policía.
Tras pasar a noite no calabozo o detido quedou en liberdade. O axente lesionado está de baixa. O atestado policial sitúa os feitos o luns pasado contras as 22 horas, no aeroporto Rosalía de Castro de Santiago.