Axudas de ata 4.600 euros para cambiar os coches de máis de dez anos
As axudas poderán solicitarse ata o 30 de setembro
O obxectivo é mandar a despezar os coches de máis de dez anos
A partir da vindeira semana e ata o 30 de setembro pódense solicitar en Galicia axudas de ata 4.600 euros para cambiar de coche. Un plan Renove posto en marcha pola Xunta e pola Federación de Asociacións de Concesionarios de la Automoción. O obxectivo é retirar das estradas cerca de 1.200 vehículos de máis de dez anos e substituílos por modelos máis eficientes e seguros.
A idade media do parque automobilístico en Galicia supera os 15 anos, unha cifra que en Ourense sobe case ata os 17, a máis alta da comunidade.
"Anda de marabilla con 525.000 quilómetros. Non o cambio".
"Está novo porque ten 100.000 quilómetros, é do ano 2000".
"É do 95 e non estou pensando en cambialo, de feito, estouno restaurando completamente".
Dende a pandemia as vendas de coches en Galicia vanse recuperando, pero de a pouco. As axudas promovidas agora pola Xunta e os concesionarios queren servir como empurrón a aqueles condutores que pensan en cambiar de coche.
"Si, si estou pensando en cambialo, o meu coche é do 2009. Creo que vou cambialo por un híbrido".
"Sempre que axuden algo non vén mal".
En Galicia poderanse solicitar axudas de entre 3.000 e 4.000 euros, que se incrementan lixeiramente no caso das familias numerosas. O obxectivo é mandar ao despezamento coches de máis de dez anos, e adquirir un vehículo novo de calquera tecnoloxía: gasolina, gasóleo, eléctrico ou híbrido. O único requisito é que non superen unhas emisións de 125 gramos de CO2.
"Desde logo se teño a necesidade de comprar un coche, comprareino de gasolina".
"Quizais gasolina ou diésel, nin híbrido nin eléctrico, non é momento de cambiar nin por prezo, nin por prestacións".
O novo vehículo ten que custar menos de 42.000 euros ou ata 47.000 se son eléctricos, e inclúe tanto turismos coma furgonetas. Calculan que as axudas servirán para retirar da circulación arredor de 1.200 vehículos de máis de dez anos, o que suporá unha redución das emisións dun 63 por cento.