Betanzos celebra as vodas de prata da súa Feira Franca con máis días de festa
Un centenar de postos de artesanía e produtos gastronómicos animan as rúas
É unha das citas imperdibles do verán e este ano hai algo que a fai máis especial. Betanzos celebra o vinte e cinco aniversario da súa Feira Franca cunha programación ampliada e máis días de festa medieval.
Estes días puideron escoitarse na Cidade dos Cabaleiros berros en contra do señor de Andrade. Os ecos da revolta irmandiña interromperon o relato da intensa vida de María A Balteira, disque a soldadeira máis fermosa da Corte do Rei Sabio. A historia reinterprétase nas rúas, onde un centenar de postos de artesanía e produtos gastronómicos e ducias de escudos, estandartes e bandeirolas visten e animan a vida de Betanzos.
A Feira Franca representa para os betanceiros un segundo inicio do verán. Xa é un referente entre os mercados medievais que se recrean na comunidade e desde 2013 está declarada Festa de Interese Turístico de Galicia.