Betanzos remata a desinfección da rede de auga despois de 500 casos de gastroenterite
Agárdase a confirmación da desaparición do virus para volver permitir o consumo

O Concello de Betanzos completou este martes o plan de limpeza e desinfección da súa rede de auga para cortar os casos de gastroenterite, que xa acadaron os 500 afectados.
Os casos comezaron hai uns 10 días, aínda que foi o pasado venres cando se detectou o virus na auga e o Concello limitou a inxestión desta.
Desde entón, repartiuse auga embotellada e distribuíronse tres camións cisterna con auga potable. Ademais, estableceuse un plan de limpeza e desinfectado da rede que remata cun certificado e "a máxima rapidez", como sinala a alcaldesa en funcións, María Barral.
Betanzos agarda agora que a Consellería de Sanidade confirme que o abastecemento é apto para o consumo. A alcaldesa asegura que a rede xa está limpa, pero hai que comprobar se o río Mendo, do cal se abastece, está aínda contaminado.