Betanzos xa pode beber auga da billa, un mes despois de detectar un virus na traída
As últimas analíticas da auga deron negativo en virus, pero seguirase reforzando a vixilancia sanitaria do abastecemento
O Concello de Betanzos decretou o levantamento das restricións do servizo de abastecemento de auga despois de que as últimas analíticas da Xunta desen negativo, segundo informan Concello e Sanidade.
Aínda así, reforzarase a vixilancia sanitaria do abastecemento para asegurar a calidade da auga e faranse as analíticas de verificación que sexan necesarias, dixo a consellería de Sanidade nunha nota.
O gromo de gastroenterite empezou o 28 de maio, hai un mes, cando o Concello de Betanzos tivo coñecemento de que se detectaran 60 casos no centro de saúde da vila.
Aínda que inicialmente se buscou unha bacteria que non apareceu e non se detectou o virus causante da enfermidade na auga ata varios días máis tarde, o Concello decidiu restrinxir a inxesta de auga no municipio, de 13.000 habitantes.
O gromo rexistrado rozou os 500 casos e o virus apareceu mesmo nunha fonte dun manancial, sen conexión coa rede.
Durante este tempo, o consistorio repartiu auga embotellada entre os veciños e distribuíu en camións cisterna auga potable.