Os Reis Magos visitan varias vilas galegas un día antes por mor do mal tempo
As súas maxestades chegan a Santiago de Compostela e percorren o centro malia a presenza da choiva
Tamén visitan outras localidades como Nigrán, Oia, A Cañiza, Paderne, Cangas, Verín, Ribadavia ou Sarria
Os Reis Magos xa chegaron este sábado a Santiago e a outras localidades galegas. Un ano especial, no que as súas maxestades de Oriente terán traballo dobre para que o mal tempo non trunque o seu percorrido por Galicia.
Na capital galega, a choiva fixo acto de presenza durante todo o percorrido, pero non impediu que a comitiva real, sobre as 17:30 horas, comezase o seu percorrido desde a praza de Nosa Señora da Mercé de Conxo.
Un ano máis, acompañados de música e espectáculos, repartiron ilusión e caramelos entre a cativada até chegar á praza do Obradoiro, minutos antes das 19:00 horas.
Con todo, Santiago non foi o único municipio en adiantar a chegada das súas maxestades. De feito, tamén percorreron as rúas da Cañiza, Nigrán, Oia, Paderne, Cangas, Verín, Ribadavia ou Sarria.
Cabalgatas e recepcións do domingo
En Vigo, cancelouse o percorrido pola cidade pero haberá unha cabalgata estática no Ifevi en horario de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas. Repartiranse 4.200 quilos de caramelos sen glute e haberá animación.
Marín suspendeu a cabalgata do domingo e, no seu lugar, haberá dúas recepcións reais, unha ás 18:00 horas no concello, e outra a partir das 19:30 no Templo Novo.
En Lousame haberá recepción pola mañá o mesmo día de Reis e festival pola tarde. No caso de Ferrol, cancelouse a chegada dos Reis Magos por mar ao peirao de Curuxeiras e adiantouse o inicio da cabalgata ás 17:00 horas.
A comitiva en Ourense sairá ás 18:00 horas do Pavillón dos Remedios e percorrerá as rúas Progreso, Alameda e Praza Maior, onde haberá unha recepción real sobre as 19:30 horas.
Na Coruña, máis de 750 persoas e 16 compañías nacionais e internacionais participarán nunha cabalgata que incluirá 13 carrozas e sairá da ronda de Camilo José Cela para terminar na praza de María Pita.
O percorrido en Lugo comeza ás 18:00 horas no parque da Milagrosa e remata no concello. O desfile contará con catro carrozas e 14 espectáculos teatrais. Haberá repartición de 1.500 quilos de caramelos.
Nesta cidade, o programa manteranse con choiva moderada e de ser intensa, suspenderase e os Reis recibirán aos menores na casa consistorial.
Pontevedra organiza este domingo unha recepción no concello a Melchor, Gaspar e Baltasar e pola tarde, malia a previsión de choiva, percorrerá as rúas do centro.
Entre un e outro evento repartiranse dúas toneladas de caramelos que serán aptos para celíacos e, no caso da recepción, ademais, serán sen azucre.

Pendentes da choiva
Sexa un día ou outro, a cativada de toda Galicia terá a posibilidade de ter o seu encontro cos Reis Magos.
A recepción en Valga, o día 5, será a partir das 16:00 horas nos exteriores do Belén Artesanal. En Sanxenxo será no pavillón de Nantes e cancélase a cabalgata.
En Poio será o día 6, cunha ruta real previa o domingo e a Monforte chegan por tren ese día ás 17:30 horas.
Na Coruña, optaron por cambios no percorrido para evitar as zonas de máis vento e discorrerá pola avenida Fernández Latorre en lugar da rúa Ramón e Cajal.
Noutros municipios da provincia, como Oleiros, mantense en principio a cabalgata, igual que en Carballo onde haberá posibilidade de seguimento por streaming.
Betanzos mantén o seu tradicional percorrido pero se a situación é complicada, limitarase a unha recepción no Liceo.