Campamentos de verán para fomentar entre as nenas as vocacións informáticas
Os campamentos da Cátedra WIB buscan espertar nas nenas a vocación pola programación
Tamén pretende incrementar a ratio de mulleres nas enxeñerías informáticas, onde son só un 20%.
A maioría dos dispositivos para o recoñecemento de voz ou facial funcionan mellor cos homes. Evitar este tipo de nesgos de xénero pasa porque haxa máis mulleres programando ferramentas tecnolóxicas. E ese é precisamente o cometido da Cátedra Albada WIB, que organiza campamentos de verán para espertar vocacións informáticas entre as nenas.
"Tentar ser diversos para que a tecnoloxía sexa diversa e inclusiva, con vistas a incorporar as necesidades de todo o mundo para que esas solucións tecnolóxicas que se crean para o futuro sexan inclusivas. A día de hoxe, os estudos confirman que moitas ferrametas de IA teñen nesgos", explica Virginia Mato, a Directora da Cátedra Aldaba WIB
Con traballo en equipo e divertimento, os campamentos da Cátedra WIB buscan espertar nas nenas a vocación pola programación. Están patrocinadas polas universidades da Coruña e Vigo, que desexan subir a ratio de mulleres nas enxeñerías informáticas, onde son só un 20%.
Drons, lapis 3D, deseño de videoxogos e ata robótica forman parte do programa destes campamentos.
Nestas aulas de verán da UDC as ratios cambian: as nenas son o 80% e poden visualizar as propias habilidades, que ás veces descoñecen.
"Ás veces consideran que as enxeñerías son moi difíciles ou que non teñen a capacidade para sacar adiante a titulación, cando é algo totalmente falso porque despois demóstrase que mesmo teñen mellores resultados que os mozos", declarou Virginia Mato, a directora da Cátedra Aldaba WIB