Castro de Rei acollerá unha nova edición da Expoexaltación Galiña de Mos
Unha raza autóctona que foi recuperada
Destaca a calidade da súa carne e dos seus ovos
Entre o canto dos galos e o cacarexar das galiñas discorre a xornada dun galiñeiro do concello lugués de Castro de Rei, pero non é un galiñeiro ao uso, aquí crían a raza galiña de Mos, unha raza autóctona de gran sona e prestixio.
"No ano 1936 adquiriron uns ovos aquí e a partir deles conseguiron recuperar a raza que estaba en extinción", conta o criador José Carlos Silvosa.
Visualmente destacan polo seu volume e a súa cor, pero a nivel gastronómico destacan polo sabor e a calidade dos seus produtos, cada vez máis demandados tanto por particulares como dende a alta cociña.
"Os ovos son riquísimos e a carne é baixa en graxa. Son unhas galiñas que se adaptan moi ben ao clima galego e a súa carne é moi saborosa", sinala José Carlos Silvosa.
Aínda que o galiñeiro estea alborotado, á hora de comer faise o silencio. Aliméntanse a base de millo e trigo e sacrifícanse aos dez meses. Coma todo produto de referencia, teñen tamén a súa feira de exaltación con mostra de animais, premios para os mellores exemplares e un bo xantar.
A gran festa da galiña de Mos terá lugar o domingo na campo da feira de San Xiao de Mos.