Celebran un espectacular achado no castro de San Vicente de Avión
En catro días de traballo descubriron dúas pedras, con gravados castrexos, de grandes dimensións
Todo un achado que dispara o interese deste castro do século IV antes de Cristo
Eloi Saavedra, arqueólogo: "Foi moita emoción. Na anterior colleunos por sorpresa, pero esta xa sabiamos o que ía ser, e foi".
Jorge Lama Alberto, arqueólogo: "Ao darlle a volta e pasarlle a luva, dixemos, miña nai! é un tríscele!. Pero a sorpresa foi a segunda, porque nós pensamos que só ía haber unha".
Dúas marabillas arqueolóxicas en dous días é o que atoparon na escavación do castro de San Vicente. Primeiro un tríscele e despois unha cruz embolada, algo practicamente inédito.
Jorge Lama Alberto, arqueólogo: "Son cen metros cadrados e atopar dúas, unha a carón da outra, xa nos pon na mesma mesa de comer que San Cibrao de Las, Castromao...".
A escavación está financiada pola asociación cultural Vive Avión e a comunidade de montes de San Xusto, é dicir, págana os veciños, que tamén colaboran en todo o que poden porque están orgullosos do seu castro.
Amancio Bruquet, presidente da asociación cultural Vive Avión: "A emoción é impresionante. Aínda non acabou. Aparece cada día unha cousa. É espectacular e pon de manifesto o valor que ten o concello de Avión".
Con estes achados contan con darlles un novo impulso ás escavacións e afondar nas dimensións e usos deste castro que podería estar relacionado con rituais de culto ao sol e a espectacular paisaxe natural que o rodea.