Pasa o primeiro trámite parlamentario a lei de educación dixital, que entrará en vigor en 2027
Tanto BNG como PSdeG pediron a devolución deste proxecto de lei por considerar que non será "útil" nin terá aplicación práctica
O conselleiro de Educación asegura que estamos ante unha norma "pioneira en España", que define como "necesaria, oportuna e valente"
A futura lei de educación dixital de Galicia superou o seu primeiro debate no pleno do Parlamento e continuará a súa tramitación sen a "análise" e a "reflexión" reclamados polos grupos da oposición, que advertiron que a normativa non será "útil" nin terá aplicación práctica.
Tanto BNG como PSdeG pediron a devolución deste proxecto de lei que defendeu o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, como "necesario, oportuno e valente" e que mesmo Galicia prevé expor como "exemplo de boas prácticas" ante a Unión Europea.
Foi no debate inicial do texto este martes no Parlamento galego, onde foron rexeitadas polos votos do PPdeGalicia, que dispón de maioría nesa Cámara, as dúas emendas á totalidade presentadas por BNG e PSdeG, partidos da oposición.
Unha norma "pioneira que non nace da improvisación", segundo a Xunta
A nova lei establece que o uso individual das novas tecnoloxías nas aulas só será posible a partir de quinto curso de primaria, mentres que se "reforza a prohibición da utilización de teléfonos móbiles" no recinto escolar, establecida en 2024, xa que o seu emprego pedagóxico non será posible ata terceiro de secundaria.
Rodríguez asegurou que se trata dunha norma "pioneira" en España que servirá para establecer regras, deberes e dereitos, ante os desafíos das novas tecnoloxías e aproveitar as súas oportunidades, como o uso da IA que poderá ser utilizada como "ferramenta de apoio", pero "nunca substituír o criterio dos docentes".
Neste sentido, dixo que a Xunta non comparte a visión de quen pretende retirar a tecnoloxía das aulas e "demonizarla", pero tampouco un uso sen límites, senón "con sentidiño", un modelo "híbrido" que "non nace da improvisación", afirmou, aludindo tanto a plataforma Abalar como o programa E-dixgal.
A oposición asegura que a nova norma "non funciona"
Precisamente, os partidos da oposición criticaron que a futura lei continuará no camiño deste programa, que "non funciona", segundo a deputada do BNG Cristina Fernández Dávila, como cre que demostran os últimos datos do informe PISA, que puxo de manifesto un descenso de 31 puntos en competencia lectora e de 20 puntos en matemática e ciencia dos alumnos galegos.
"A solución non é prohibir, senón acompañar nos procesos", considerou sobre o uso das pantallas nas aulas, para o que pediu a formación do profesorado, á parte da dotación de máis privado.
A Xunta está "a dixitalizar o sistema educativo analóxico", pero sen "nada que diga que hai unha mellora educativa", reprochou, e pediu a devolución do texto lexislativo para reelaboralo tras "unha reflexión, análise e consenso" que o converta en "realmente útil" para a comunidade educativa.
Na mesma liña pronunciouse o deputado do PSdeG Aitor Bouza, quen reiterou a petición do seu partido é constituír unha comisión parlamentaria de estudo para elaborar esta lei e avaliar "que pasou con E-dixgal" ao que considera que o propio presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo, acaba de facer "unha emenda á totalidade" ao propoñer retirar as pantallas individuais das aulas ata secundaria.
Bouza recriminou que a lei se fixo "sen diálogo" e que non resulta "útil", polo que advertiu ao conselleiro que facer unha normativa "valente e pioneira" non é "poñer un titular chulo e molón", senón garantir realmente os dereitos da comunidade educativa e mellorar a calidade para "non volver pasar polo bochorno do informe PISA".
Fronte ás críticas da oposición sobre falta de diálogo, Rodríguez argumentou que o texto normativo recibiu máis de novecentas achegas e foi examinado polo Consello Escolar de Galicia e representantes dos sectores implicados.
"Criminalizar" os profesores
O deputado socialista tamén cargou contra o conselleiro polo seu anuncio dun plan para controlar as situacións de baixa laboral do profesorado, que alcanzaron as 1.400 neste inicio do curso, e acusoulle de "criminalizar" a estes profesionais, mentres que Fernández Dávila lamentou que a Xunta os trate de "vagos e maleantes".
O deputado do PPdeGalicia Julio García Comesaña respondeu que é a oposición a que "criminaliza" o profesorado por dicir que faltaban 2.000 ou 1.400 profesores ao comezo do curso e "obviar" que estaban ausentes por situación de baixas laborais.