Comezan as obras para poder abrir ao público as termas de Outariz
Está previsto que duren entre catro e seis semanas, malia que as festas de Nadal e a falta de subministración poderían alongar estas obras algún tempo

Comezaron as obras no complexo termal de Outariz, en Ourense. Unha actuación imprescindible para que as termas poidan volver abrir ao público. Levan pechadas desde o inicio da pandemia.
Tras recibir a luz verde da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, xa que estas instalacións están en dominio público hidráulico, comezaron as obras.
Desbloqueouse esa contratación das obras imprescindibles para adaptar as termas á nova Lei termal da Xunta de Galicia que obriga a instalar caudalímetros e renovar a auga cada catro horas.
Está previsto que duren entre catro e seis semanas, malia que as festas de Nadal e a falta de subministración poderían alongar estas obras algún tempo máis. Outariz e a Burga de Canedo serán as primeiras en abrir, as seguintes serán a da Chavasqueira e Muíño da Veiga.
A adaptación das termas das Burgas, din dende o Concello, será un pouco máis complicado, non se pode facer contrato menor e serán as que leve máis tempo arranxar.