A Xunta pídelle a Bruxelas un marco estable e plurianual para o sector da pesca
O Executivo galego remitiulle un informe a Bruxelas coas propostas para a cotas de pesca
A Xunta quere evitar cambios bruscos na política pesqueira europea e na repartición das cotas de pesca. Así llo vai trasladar á Comisión Europea nun informe que este luns aprobou o Consello da Xunta e que este mesmo martes lle trasladará en Bruxelas a conselleira do Mar, Marta Villaverde.
A intención, segundo explicou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, é que se estableza un sistema de cotas de pesca "proporcionado, estable e plurianual", e así que o sector teña claras as condicións coas que ten traballar.
Ademais, a Xunta vai solicitar que as augas ibéricas e do Golfo de Biscaia se recoñezan como un modelo de xestión responsable, co que iso suporía en canto as axudas financeiras europeas.
Tamén se pretende que se aborde forma estrutural a alza dos prezos dos carburantes, con medidas automáticas, e tamén que se blinde a soberanía alimentaria europea.
Ademais a Xunta reclamará un fondo estable para a pesca e a acuicultura dentro do futuro Marco Financeiro da UE para o período 2028-2034.
O Goberno urxe un novo acordo con Mauritania
A flota galega que faena en Mauritania mira cara Bruxelas. O Goberno urxe a Comisión Ruropea a un novo acordo pesqueiro con Mauritania. O actual remata en mes e medio e afecta a medio cento de palangreiros galegos, andaluces e canarios.
O país norteafricano recibe sesenta millóns de euros anuais, pero esixe mellorar esas condicións para deixar que se pesque nos seus caladoiros.
Se non hai acordo con Mauritania, os palangreiros de Marín ou Vigo que pescan no noroeste africano quedarán sen alternativas.