Recomendacións para tomar as uvas da sorte de forma segura
Non é aconsellable que as tomen menores de cinco anos nin persoas con problemas de deglución
Quitarlles a pebida, a pel e cortalas en anacos pequenos pode evitar atragoamentos
Non é por augarlle a festa a ninguén, pero antes de tomar as uvas esta noite, cómpre recordar o seguinte dato:
"Os atragoamentos son a segunda causa de morte accidental en España, detrás das caídas. Máis de 3000 persoas morren atragoadas cada ano", explica Plácido Mayán, o coordinador do Servizo de Urxencias do Hospital Clínico de Santiago.
Para evitar sustos, os sanitarios aconsellan mastigar ben as uvas, non necesariamente ao ritmo das badaladas, e quitarlles as pebidas ou dividilas se son grandes. Ademais hai que extremar a vixilancia cos pequenos da casa.
"Non deberían tomalas os nenos de menos de cinco anos nin os anciáns con problemas de deglución ou as persoas con problemas neurolóxicos, como pacientes con párkinson ou que padeceran un ictus", advirte Plácido Mayán.
Se se produce o atragoamento, o mellor é manter a calma e deixar que a persoa expulse a uva tusindo. Se ten dificultade para respirar e non dá tusido, cómpre chamar o 112 e facer a manobra de Heimlich, sempre que sexa maior de cinco anos.
" A manobra consiste en poñer o puño diante da persoa á altura da parte baixa do esterno e apertar forte cara a arriba, sen medo, iso aumenta a presión na cavidade torácica e fai que saia o a alimento. Se é un neno máis pequeno entón en vez de puño hai que poñer as mans xusto por baixo do esterno", di o doutor Mayán.
Consellos útiles para uvas e outros alimentos típicos de Nadal que se poden atascar facilmente coma os froitos secos, os embutidos ou as carnes de ave. Máis vale previr e que non se nos atragoe o 2025 antes de empezalo.