Convocada unha folga indefinida de médicos a partir do 11 de abril
"Necesitamos dar un golpe na mesa e plantar cara", sostivo este mércores en Pontevedra o presidente do sindicato CESM en Galicia, Ramón Barreiro

A Confederación Estatal de Sindicatos Médicos en Galicia convocou todos os facultativos da comunidade a unha folga con carácter indefinido a partir do 11 de abril.
Dende a Confederación din que se abre un prazo á espera de que a Xunta "reaccione" xa que se "pode mellorar moito a calidade asistencial e as condicións laborais do persoal".
"Necesitamos dar un golpe na mesa e plantar cara", sostivo este mércores en Pontevedra o presidente do sindicato CESM en Galicia, Ramón Barreiro, que responsabiliza do "caos" o Servizo Galego de Saúde (Sergas) e a Consellería de Sanidade.
As reivindicacións da Confederación afectan a todos os niveis asistenciais, pero en especial á Atención Primaria, aínda que tamén teñen demandas específicas para a atención hospitalaria, para os facultativos de 061 e para os mir, dos que aseguran que "están para formarse" e, con todo, "dánselles responsabilidades non acordes coa súa preparación e experiencia".