Crean grupos de cultivo para promover os alimentos de autoconsumo e a inclusión social
É un dos proxectos participativos que ofrece a Asociación pontevedresa Boa Vida
Os participantes valoran o que se colleita, pero tamén o que aprenden e os beneficios de estar en grupo ao aire libre
En marzo, un grupo promovido pola Asociación Boa Vida de Pontevedra empezou a rozar o mato dunha leira de Cabanas que levaba anos sen cultivar para convertela nun horto colectivo. Os máis fixos do grupo veñen á horta dúas veces por semana. Hoxe é unha xornada de faena importante, porque van instalar o rego por goteo, un sistema acorde cos seus principios de cultivo ecolóxico e sostible, detalla Carlota Ducottet, unha das traballadoras da entidade promotora da horta.
O que se planta e o reparto do que se colleita decídeno entre todos, segundo ás suas preferencias. Pero máis aló do que recollen da terra e do que aprenden, a horta dá outros froitos que son prioritarios para esta entidade que ten entre os seus obxectivos a inclusión social. Marta Pernas, outra das traballadoras da Asociación recalca os beneficios de estar ao ar libre para a saúde mental, física e emocional. Por iso piden que se facilite a cesión de terreos baldíos, porque malia a cantidade de leiras abandonadas que hai e a que a entidade garante a cesión cun contrato polo tempo que se acorde coa persoa que o ceda, cústalles moito dispor de terra para plantar os seus hortos solidarios.
