O Sergas notifica a morte de oito persoas diagnosticadas con covid–19
Esta fin de semana comunicáronse catorce falecementos
Galicia rexistra a cifra máis alta de hospitalizacións da sexta vaga
Os casos activos e o ritmo de contaxios continúan á baixa
Galicia continúa reducindo o número de casos activos e o ritmo de contaxios, pero rexistra a cifra máis alta de ingresos hospitalarios da sexta vaga e aumentan as vítimas mortais.
Segundo os últimos datos facilitados polo Sergas, este domingo hai 65.631 persoas coa infección, 1.830 menos ca o sábado.
Tamén diminúe o ritmo de contaxios. Nas últimas horas, rexistráronse 4.533 novos positivos, 1.075 menos dos contabilizados na xornada anterior. Descenden en todas as áreas.
Vigo computa 1.268 e A Coruña 923. Na área de Santiago detectáronse 765 casos e en Lugo 513. Pontevedra baixa dos 500, Ourense tamén e Ferrol rexistra 151.

Presión hospitalaria
O dato negativo chega dos centros hospitalarios. Aumentan os ingresos de xeito considerable. Sanidade confirma a ocupación dun total de 658 camas con persoas diagnosticadas coa covid (617 en planta e 41 nas UCI). Son 23 máis das que había vinte e catro horas antes.
É unha cifra similar á rexistrada a finais de febreiro do ano pasado, pero agora hai nove veces máis persoas infectadas, polo que moita menos xente precisa hospitalización. A área de maior presión e onde máis subiron os ingresos é a da Coruña.

Aumento das vítimas
Outro dato que empeora é o das vítimas mortais. A Consellería de Sanidade notificou nas últimas horas o falecemento de oito persoas diagnosticadas da covid, polo que suman catorce na fin de semana. Dende o luns, comunicáronse 51 decesos.
No que levamos de xaneiro rexistráronse 166 mortes, un dato que non se daba desde o inverno pasado, cando Galicia sumou máis de 800 decesos nos dous primeiros meses do ano.