Denuncian un incremento do 'greenwashing' agrario
Este nome en inglés refírese ao lavado de cara que fan algunas empresas para vender como ecolóxicos produtos que en realidade non respectan o medio natural
Intereco, a asociación das entidades de control da produción ecolóxica, pediu en Santiago unha regulación do uso dos termos na etiquetaxe de alimentos
Os produtores ecolóxicos e os organismos que se encargan de facer cumprir a normativa ambiental denuncian cada vez máis greenwashing. Intereco é a asociación de todos os consellos reguladores da agricultura ecolóxica de España, e escolleu Santiago para denunciar o incremento do "lavado verde", a estratexia comercial ou de propaganda que se basea en confundir termos.
"Empresas e tamén a Administración ás veces pecan de 'greeenwashing'. Usan termos que son moi ambiguos: eco, bio, verde, natural. E iso hai que regulalo", dixo Iker Iglesias, presidente de Intereco.
"Hai que escapar desa imaxe de ecolóxico que non conta coa certificación oficial. É unha usurpación do concepto que está afastada da normativa europea", engadiu José Luis Cabarcos, o director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria
Os produtores en ecolóxico falan de fraude e competencia desleal. Lamentan tamén que a terra e os dereitos de produción se estean concentrando en poucas mans por culpa do exceso de burocracia. E denuncian que, con esa base, se acaben por xustificar recortes na protección ambiental.
"Houbo certa manipulación na mensaxe das protestas e as modificacións que se están a propoñer son rebaixas ambientais. O que pedimos é que os fondos públicos sexan para axudar os agricultores e os gandeiros para que poidan facer ben o seu traballo, sen estar expostos a tóxicos e sen contaminar", explicou Aina Calafat, da Sociedade Española de Agricultura Ecolóxica.
Avogan por abandonar actuacións que consideran depredadoras e curtopracistas e optan por producir alimentos que non sexan tóxicos sen envelenar o futuro do planeta.