Detectado un novo foco de gripe aviaria nunha gaivota de patas amarelas en Cangas
A gaivota foi trasladada a un centro de recuperación en Cerdedo-Cotobade, onde se lle extraeron as mostras que acabaron por confirmar o caso

A Consellería do Medio Rural comunicou ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) a detección en Cangas dun exemplar de gaivota de patas amarelas afectada pola gripe aviaria, un resultado confirmado polo Laboratorio Central de Veterinaria de Algete (Madrid).
Nun comunicado, o departamento autonómico sinalou que a ave foi trasladada ao Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Carballedo, na localidade pontevedresa de Cerdedo-Cotobade, onde se lle recolleron mostras para a súa análise en laboratorio e para xestionar posteriormente os restos do animal de acordo coa normativa en vigor.
A Xunta lembrou que a valoración de risco da gripe aviaria no Estado non variou con respecto aos meses anteriores, ao non tomárense medidas adicionais respecto ás que xa estaban en vigor desde o pasado mes de maio de 2023.
Deste xeito, na data actual mantéñense unicamente en Galicia certas medidas de prevención nos sete concellos da provincia de Pontevedra que pertencen á denominada Zona de Especial Risco (Cambados, O Grove, A Illa de Arousa, Meaño, Ribadumia, Sanxenxo e Vilanova de Arousa).
Con todo, e dada a importancia do sector avícola na comunidade autónoma, a Xunta sinalou que continúa aplicando as medidas de bioseguridade nas explotacións avícolas, de calquera tipo, tanto comerciais como particulares, especialmente aquelas destinadas a evitar o contacto con aves silvestres. Unha das medidas é intensificar a vixilancia de calquera signo de enfermidade tanto en explotacións avícolas como en aves silvestres e notificar a sospeita aos servizos veterinarios oficiais.