Detectan un gromo de 13 persoas nunha residencia de Barbadás
Os afectados, usuarios con necesidades especiais, están illados no propio centro

38 novos casos positivos hoxe en Galicia, que confirman unha tendencia á alza nos casos da covid en Galicia. Onde máis soben os casos é en Ourense, onde están moi pendentes dun gromo que afecta unha residencia de persoas con capacidades especiais.
Un gromo que afecta, polo momento, 13 persoas, o 60 por cento dos usuarios dun centro das Burgas, no concello de Barbadás, onde conviven persoas con necesidades especiais. Presentan sintomatoloxía leve, moitos deles están asintomáticos, e polo momento non foi preciso hospitalizar ningún afectado, están illados no propio centro.
Os concellos de Barbadás e Ourense suman o 50 por cento dos contaxiados totais que hai na provincia ,que vai subindo en casos activos. A curva de contaxios volve medrar: temos hoxe 71 casos, case o dobre que hai unha semana.