Detéctase un erro na lotería de Nadal da Irmandade de Mulleres de Santa Cruz de Viveiro
O número correcto é o 79.210
Todo aquela persoa que posúa o boleto co erro de impresión poderá mudalo polo correcto
A menos de mes e medio do sorteo de Nadal, comeza a aventura por conseguir un boleto de lotería. Persoas e asociacións póñense en marcha para acadar os números e participacións que máis sorte lles poden dar. Con todo, sempre é ben revisar se a cifra que compramos é a que andabamos buscando.
É, por exemplo, o caso da Irmandade de Mulleres de Santa Cruz de Viveiro. Elas sempre participan co número 79.210, mais os boletos estábanse a vender co 72.210, deixando estas papeletas sen efecto. Begoña, unhas das integrantes da Irmandade, foi a que se decatou do acontecido. Para enmendar o erro, o primeiro que fixeron foi porse en contacto coa Administración de Lotería e Apostas do Estado e crear unha acta de manifesto ante notario.
Agora, atópanse facendo a maior publicidade posible para que as persoas muden as papeletas. Os boletos incorrectos pódense mudar polos verdadeiros de dúas formas: acudindo ao punto de venda onde se comprou a citada lotería ou póndose en contacto directamente coas integrantes da Irmandade. Aseguran que o cambio realizarase incluso despois do sorteo se o número chegase a saír premiado. Con todo, instan á cidadanía a que efectúe o cambio o antes posible.
As mulleres de Santa Cruz declaran que das 500 papeletas vendidas xa quedan menos da metade por recuperar e cambiar polas correctas. Aseguran que os feitos déronlle bastante publicidade e que moitas persoas están interesadas en comprar agora. Con todo, a súa prioridade e enmendar o erro antes de vender máis lotería. A Irmandade xa foi premiada en varias ocasións co reintegro do sorteo de Nadal.