Emprego distribúe nos IES un xogo para aprender a emprender
A proposta apela á responsabilidade social corporativa das empresas ao tempo que ensina a traballar en equipo e a negociar
Vense case coa actitude dos negociadores de Wall Street que saen nas películas, pero son alumnos do instituto da Pontepedriña, en Santiago. Buscan recursos para sacar adiante a súa idea de negocio, nun xogo que promoveu a Consellería de Emprego e que se estrea este curso como material didáctico de secundaria.
"O que queremos é que as xeracións máis novas dun pobo tan emprendedor coma o galego se imbúan desta cultura desde o primeiro momento", dixo José González, conselleiro de Emprego.
"Un pouco como cando se emprende na vida real, tes quer facer o que podes coas cartas que che veñen dadas, e trátase un pouco de tentar xestionar iso", engadiu María Eirís, da Editorial Buscalume, que deseñou o xogo.
O xogo permite manexar conceptos básicos en economía, adestrar o traballo en equipo e a capacidade de negociación. Pero lembra tamén que hai algo que debe ser troncal nunha empresa: a responsabilidade social corporativa.
"Unha empresa debe ser responsable co medio ambiente, coa sociedade, cos consumidores. Ás veces parece que un negocio se basea só en ter beneficios económicos, e un negocio ten que ter un fondo máis importante que os beneficios, aínda que obviamente beneficios ten que haber", subliñou Javier Benito, profesor de Economía no IES A Pontepedriña.
Un concepto amplo do que significa emprender e que, como todo, se pode aprender xogando.