En Lalín recrean as mallas tradicionais coa participación de máis de medio cento de veciños
As mallas eran os principais traballos comunitarios que se facían nas aldeas
O duro labor adoitaba rematar cunha festa
A chuvia non acovardou nin aos visitantes nin aos veciños de Doade, en Lalín, que este sábado recrearon os diferentes tipos de mallas tradicionais. Separa o gran da palla era un traballo agrícola colectivo no que participaban ata os cativos.
"A malla foi o traballo comunitario máis importante en Galicia durante moitos anos. Reunía a todos os veciños da parroquia e das parroquias limítrofes, aínda que estivesen enfadados poñíanse a mallar xuntos porque necesitaban que logo lles fosen axudar a eles".
"Os nenos baixabamos os monllos da meda e os carrexábamos cara á máquina que mallaba. Os rapaces tamén traballaban porque na malla se necesitaba xente. Despois, como eran nas eiras e neste tempo había froita, iamos comerlle a froita".
A celebración, organizada polo museo etnográfico Casa do Patrón, fai xa 25 anos e complétase con exposicións de pintura, de artesanía e de maquinaria.
"Outra parte importante que ten a malla para a xente máis nova coma min é ensinarlle os costumes de antes e os labores que se facían".
E como toda boa malla, a festa rematou despois de xantar, con bailes e música.
