Este venres o Sergas abre a autocita para as doses de recordo da covid
A cita pódese pedir a partir de mañá, aínda que a citación farase a partir do luns, 14 de novembro
A vacinación será, de momento, en grandes recintos

A Consellería de Sanidade abrirá este venres a autocita para todas as persoas que, por diferentes motivos, non foron vacinadas coa segunda dose de reforzo da covid-19, segundo informou este xoves a Xunta nun comunicado.
A partir de mañá venres, 11 de novembro, poderase xestionar a cita para a vacinación, que terá lugar en grandes recintos, aínda que a citación se fará a partir do luns, 14 de novembro.
Sanidade recomenda a vacinación coa dose de recordo a persoas de 60 a 79 anos que non puideron acudir vacinarse, así como a sanitarios que non acudiron á cita ou que non foran citados.
Recoméndase tamén a persoas menores de 60 anos con enfermidades crónicas cardiovasculares, neurolóxicas ou respiratorias, incluíndo displasia bronco-pulmonar, fibrose quística e asma.
Tamén está recomendada para as persoas de entre 12 e 59 anos con patoloxías de risco, para mulleres embarazadas en calquera trimestre de xestación e mulleres que, despois de 6 meses do parto, non se vacinaron durante o embarazo; e para conviventes con persoas de alto grao de inmunodepresión. Todos eles poderán reservar a súa cita tanto a través da páxina web como da aplicación Sergas Móbil.