Falece o músico Moncho Díaz, membro histórico de Fuxan os Ventos
Era parella de Tereixa Novo, voz fundadora do grupo
Traballara como técnico de son na Radio Galega

Moncho Díaz, un dos integrantes históricos do grupo lucense Fuxan os Ventos, faleceu este venres. Os seus restos mortais, que se atopan no tanatorio de Boisaca, velaranse ata este sábado á tarde, cando serán incinerados na intimidade.
Dende que entrou no grupo no ano 1980, seguiu cantando e tocando (a guitarra e a frauta) na formación ata a actualidade. Parella de Tereixa Novo, voz fundadora do conxunto tradicional, que acaba de celebrar o seu 50 aniversario, fora técnico de son na Radio Galega.
Moncho Díaz gozaba dunha grande admiración no mundo das ondas e da música pola súa integridade e polo seu amor a prol da cultura e da terra propia.
Legado
Hai pouco inaugurouse no Vello Cárcere de Lugo unha exposición sobre os 50 anos de Fuxan os Ventos para subliñar a súa influencia en grupos galegos posteriores.
O seu legado continúa tamén co traballo dunha das fillas de Moncho e Tereixa, a cantante Faia Díaz, compoñente do grupo De Vacas.
As súas amizades reuniranse nuns días para renderlle unha homenaxe ao ritmo dos temas que máis apreciaba, comendo empanada de Monforte e tomando un viño.