Foz volve recomendar non beber auga da traída nin cociñar con ela
As analíticas realizadas deixan valores de trihalometanos por riba do permitido, polo que Sanidade demandou reactivar a recomendación xa vixente durante varias semanas este verán
O concello de Foz volve recomendar que non se use a auga da traída para beber ou para cociñar, coa excepción da parroquia de Cordido, que conta cunha traída independente.
Desde o Concello informan de que a nova medida débese a que nas últimas analíticas volven dar altos os valores de trihalometanos.
Aseguran que hai dous condicionantes que están a prexudicar o proceso de potabilización: a ausencia de choiva, que diminuíu o caudal no Ouro, e o elevado consumo de auga do verán
O alcalde de Foz, Fran Cajoto, cualificou esta situación como "un reto que hai que afrontar, xa que temos a obriga de garantir a mellor calidade de auga para todos vos veciños". Por iso, di, ademais de planificar unha mellora na potabilizadora a medio prazo que debe ser profunda, continúan adoptándose medidas para atallar os parámetros que están fóra de rango: "Estamos traballando xa na mellora das doses do peróxido de hidróxeno para que sexa máis efectivo".
Os técnicos trasladan que a substitución dos filtros debe mellorar tamén os valores de trihalometanos, polo que "se vai investir unha cantidade importante con celeridade para levar a cabo esta mellora" asegura o rexedor focense.
A recomendación chega ante a celebración esta fin de semana da Festa Normanada na vila, o que anticipa serias dificultades para o sector da hostalaría.