Galicia estaría xa no pico de casos activos da sexta vaga do virus
As hospitalizacións poden seguir subindo esta semana e a próxima
Galicia entra na terceira semana de xaneiro co ritmo de crecemento dos contaxios botando o freo. Os positivos diarios baixan de 5.000 despois de varias xornadas rozando ou superando os 8.000.
Aínda hai máis altas que baixas por covid–19, pero a diferenza xa é moi cativa. Todo apunta a que estariamos entrando no pico de casos da sexta vaga.
"Imos ser prudentes e esperar que pase o efecto da fin de semana para ver se esa tendencia se consolida. En todo caso, nós seguimos traballando coa hipótese de que estamos rozando o pico do número de casos activos que xa calculabamos entre o día 15 e o 18. Esa era a nosa estimación", aseguraba o conselleiro de Sanidade.
O que se comeza a notar agora é unha repunta da presión hospitalaria. Os ingresos en planta aumentaron en todas as áreas sanitarias agás na de Ferrol. Sanidade di que é unha situación controlable e coa que xa contaban.
"Lembro que unha vez que se acada o pico de casos activos, polo menos nas variantes anteriores, hai unha semana posterior de crecemento dos hospitalizados e dúas semanas posteriores de crecemento das UCI. Temos que confirmar se estes parámetros se cumpren ou non con esta variante", dixo García Comesaña.
Tamén entra en xogo a favor a terceira dose da vacina, que reduce moito o risco de enfermar gravemente de covid–19. O escaso 6 % da poboación galega sen vacinar xera o 50 % dos ingresos en coidados intensivos.