Galicia reclámalle ao Goberno incrementar as axudas ao sector pesqueiro ante a suba do combustible
A conselleira do Mar conseidera que a axuda económica do Ministerio que cobre o 70 % da diferenza do prezo do gasóleo "non é suficiente"
O Parlamento Europeo aprobou unha resolución que propón unha repartición das cotas adaptada ás características de cada frota, incluída a artesanal
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, reclamoulle ao Goberno central que "se incrementen" as axudas ao sector pesqueiro ante o alza de prezos de combustibles.
"Esperamos que o Ministerio deixe de reflexionar e pase á acción", afirma.
"A día de hoxe hai moitos barcos que se cadra teñen que amarrar pronto porque non é rendible a explotación da pesqueira precisamente por ese aumento de custos de produción", advertiu en declaracións antes do Consello Galego de Pesca, celebrado en Santiago.
Avisa que estas axudas do Gobierno "acaban a final deste mes", polo que demanda "unha acción realista, unha acción contundente" e que "se implante xa" para dar "cobertura a esas perdas".
Considera que a axuda económica do Ministerio que cobre o 70 % da diferenza do prezo do gasóleo polo encarecemento de combustibles "non é suficiente".
Consello Galego de Pesca
O Consello Galego de Pesca, reunido en Santiago, tratou a proposta para adaptar a protección social das mariscadoras en caso de cesamento de actividade. A conselleira lamenta que as mariscadoras seguen pagando "mes a mes" as súas cotizacións en períodos nos que "non teñen ningún tipo de ingresos" por mortaldade en bancos marisqueiros como ocorre este ano, polo que quedan "desprotexidas".
Reunión do Consello Galego de Pesca en Santiago. Europa Press
Este documento técnico elaborado por especialistas da USC e da UDC inclúe un sistema específico de protección para as mariscadoras ao amparo das excepcións previstas na Lei 47/2015 para actividades marítimo-pesqueiras con características singulares.
Así, entre as medidas máis salientables, contempla melloras tanto na modalidade común como extraordinaria de protección por cesamento de actividade, así como a compatibilidade das prestacións coa realización doutras tarefas necesarias para o mantemento do marisqueo durante os períodos de paralización da extracción.
Por iso, empraza ao Ministerio a que recolla, a través do Instituto Social da Mariña, esta proposta e "se dea cobertura ás mariscadoras". Censura que, a pesar de "moitas promesas" do Goberno, estas traballadoras do mar "seguen pagando as cotas" a pesar de non poder faenar.
Tamén se informou da postura de Galicia defendida o pasado mércores ante ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, en relación co futuro da Política Pesqueira Común para reclamar unha participación máis efectiva das comunidades autónomas na definición da posición que España defenderá no Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea.
Galicia reitera a necesidade de garantir, polo menos, 7.290 millóns para pesca e acuicultura no período 2028-2034.
Acordo no Parlamento Europeo para a repartición de cotas
O Parlamento Europeo aprobou unha resolución que propón unha repartición das cotas adaptada ás características de cada frota, incluída a artesanal. O texto tamén reclama cambios nas condicións que se lle esixen ao peixe que chega de fóra da Unión. Unha demanda que afecta directamente a Galicia.
É unha cuestión relevante para a nosa comunidade, pola diversidade da frota e tamén das artes de pesca que emprega, desde a artesanal ata a de altura.
A resolución esixe, por un lado, que as cotas se repartan tendo en conta o tipo de frota e non só criterios ambientais ou o histórico de capturas.
Mesmo propón a importancia de ofrecer incentivos para que os buques empreguen técnicas de pesca máis selectivas e con menor impacto.
Por outro, que o peixe importado de países de fóra da Unión cumpra condicions equivalentes as que se esixen aos pescadores europeos, para evitar competir en desigualdade.
O pleno aprobou con ampla maioria -476 votos a favor- esta resolución que tamén reclama cambios nas esixencias do etiquetado. Por exemplo, propón que se inclúan os datos nutricionais ou que se diferencie a pesca extractiva da acuicultura.