Facenda xa pode multar se non se declaran as vendas de produtos de segunda man
Hai que declarar as vendas de produtos usados entre particulares, sobre todo se superan o límite establecido por lei
Facenda terá coñecemento das vendas se superan as 30 transaccións ou os 2.000 euros anuais
O mercado de segunda man está en auxe, e cada vez hai máis xente que se desfai de cousas que xa non usan a través de plataformas como Vinted ou Wallapop. Todos eles teñen a obriga de declarar os beneficios; e ollo, porque a partir de determinado límite Facenda xa ten constancia desas operacións e pode multarnos.
"Eu levo dous anos e vendín igual 25 pezas ou así, gañei como 200 euros en total".
"Utilizo moito Vinted e Wallapop para vender cousas de segunda man que xa non preciso e así á parte saco un extra", comentan dúas rapazas.
Un extra que deixa pegada e agora Facenda xa ten datos para poder reclamar o seu tributo.
"As plataformas que se dedican a facer a venda xa che envían o correo electrónico avisándote disto", apunta unha delas.
Porque dende o 1 de xaneiro estas plataformas están obrigadas a informar por unha parte os seus usuarios se superan o límite das 30 transaccións ou de 2.000 euros en vendas, pero tamén a Facenda.
"Co cal Facenda saberá quen o fixo e poderá cotexalo coa declaración da renda", conta Julio Ramsés Pérez, inspector de Facenda do Estado
E esa é realmente a única novidade na nova directiva europea porque tributar polas ganancias patrimoniais era xa obrigatorio.
"Realmente teñen que tributar todos os contribuíntes estean por riba ou por baixo do límite porque o que se gravan son as rendas que se producen", insiste o inspector.
"Véxoo ben, aínda que cada vez Facenda vai incluíndonos en máis cousas, máis perseguidos", quéixase un rapaz.
A finalidade da lei é detectar aquelas persoas que sacan beneficios con estas vendas.
"Paréceme normal porque tamén hai xente que fixo dese tipo de vendas un negocio e unha fonte de ingresos extra", continúa.
As primeiras cartas de aviso de Facenda xa se están enviando para advertir da necesidade de facer unha declaración complementaria e evitar así unha sanción.
"As sancións son as normais da Lei Xeral Tributaria que oscilan entre un 50 e un 150 % de sanción con determinadas atenuantes, pois, por exemplo, ao pagar ou dar conformidade á sanción que reduciría a sanción entre un 30 e un 40 %", explica Ramsés.
É importante gardar todos os recibos de compra para demostrar ante Facenda se na venda houbo ou non un beneficio económico.