Publicador de contidos

Publicador de contidos

Ivo, con refachos de 166 km/h, deixa xa máis de 200 incidencias, 9.000 nenos sen clase e problemas no transporte

Ivo, con refachos de 166 km/h, deixa xa máis de 200 incidencias, 9.000 nenos sen clase e problemas no transporte

Ata 2.000 usuarios galegos quedaron sen luz 

Toda a comunidade autónoma está en alerta laranxa por refachos de vento, e diversas zonas sufrirán un fenómeno adverso con alerta amarela. Ademais, o litoral galego está en alerta laranxa por temporal costeiro

Atrasos, desvíos e cancelacións en trens e avións en toda Galicia e suspendido o transporte marítimo na ría de Vigo

A Xunta mantén a vixilancia por risco de inundacións nos ríos Azúmara, Mandeo, Mendo, Tambre, Lérez e Miñor

directo O paso de Ivo pola praia de Doniños, en Ferrol/EFE /En directo cámara da CRTVG en Muxía
G24.gal 29/01/2025 09:48 Última actualización 29/01/2025 11:21

A nova borrasca Ivo, a terceira que afecta a Galicia en menos dunha semana, provocou xa este mércores máis de 200 incidencias ata as 14 horas, segundo informou o servizo de emerxencia 112 Galicia.

Á primeira hora deste mércores rexistrouse un refacho de vento de 166,5 quilómetros por hora na estación de Penedo do Galo, en Viveiro (Lugo), situada a menos de 900 metros de altitude.

A Comisión Escolar de Alertas decidiu suspender as clases durante toda a xornada, do mesmo xeito que a actividade nas escolas infantís na Mariña lucense. En total quedaron sen clase nesta comarca da costa de Lugo 9.000 alumnos.

​​​​​​​A actividade deportiva federada no mar e o programa Xogade tamén foron cancelados. Esta suspensión aplica para un total de 15 concellos: Alfoz, A Pontenova, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, O Valadouro, O Vicedo, Ribadeo, Trabada, Viveiro e Xove.

Ata o momento, este non foi tanto como o temporal precedente.

 "Despois do que pasamos a fin de semana, hoxe, nin tan mal". afirma a alcaldesa de Burela, María del Carmen López Moreno.

Así todo foi outro día de parques e paseos marítimos pechados. Aos estragos que houbo o domingo sumáronse máis.

 "Non son danos moi moi graves, son danos típicos: lousas, chapas de fachadas... o que foi deixando o temporal, agora algo de auga e máis vento..." di Álvaro Pico Fernández, xefe de quenda dos Bombeiros de Barreiros.

Despois do refacho de case 170 quilómetros por hora rexistrado na Mariña, a seguinte marca de vento en Galicia nas últimas horas, 157 quilómetros por hora, deuna Carballeda de Valdeorras.

En Cedeira (A Coruña), acadáronse os 137,5 km/h e na Costa da Morte un refacho alcanzou 129,3 km/h ás seis da mañá. En Carballeda de Valdeorras (Ourense) o vento tamén foi de grande intensidade e chegou aos 157 km/h.

Galicia tamén ten activado o aviso amarelo por tormentas con posibilidade de saraiba e choivas, recollendo ata 15 litros por metro cadrado nunha hora. Deste xeito, Santa Comba, no interior da Coruña, rexistrou xa 46,2 litros por metro cadrado acumulados.

A auga tamén se acumula nos ríos que, nalgúns casos, fan esforzos por non saíren do leito. A Xunta mantén activa a vixilancia por risco de desbordamento en ríos como o Lérez ou o Tambre.

"Estamos facendo o control necesario por se rebordan algúns ríos, pero non hai datos para falar dunha situación alarmante", explica a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ánxeles Vázquez.

 

Os últimos chuvascos agárdanse esta tarde no interior de Pontevedra. Será a última molladura do tren de borrascas, xa que está previsto que a situación mellore nos próximos días.

A montaña lucense ten aviso por nevadas e con acumulacións en 24 horas de 5 centímetros a partir dos 1.000 metros de altitude.

Por outra banda, informouse dun fenómeno adverso por vento de nivel amarelo que se deixará notar na provincia da Coruña, na montaña ourensá, no sur de Lugo, nas Rías Baixas e na zona do Miño de Pontevedra.

A pegada de Ivo en Galicia

A maioría das incidencias estiveron relacionadas con árbores e pólas caídas nas vías de circulación, cun total de 22 informes. Tamén se rexistraron 14 incidencias relacionadas con outro tipo de obxectos ou restos de accidentes nas estradas. Así e todo, non se produciron danos persoais.

A provincia que máis incidentes rexistrou foi a de Pontevedra (29), seguida pola Coruña (16), Ourense (6) e finalmente Lugo (2). Os municipios máis afectados ata o momento foron os de Pontevedra, Maceda e Redondela.

No concello coruñés de Aranga, un vehículo saíu da vía, no quilómetro 542 da A-6, por mor do aquaplaning. Tamén nesa localidade, un turismo pasou por encima dunha árbore, pero sufriu só danos materiais. 

En Bergondo, unha persoa quedou atrapada no seu vehículo tras unha colisión frontal. Os bombeiros liberárono e trasladárono ao hospital xunto co ocupante do segundo vehículo involucrado no accidente.

En Ribeira, varias uralitas dun edificio caeron e impactaron contra un guindastre. En Sanxenxo unha persoa chocou contra un colector do lixo que se desprazou ata o medio da rúa por mor do vento. Así e todo, non se rexistraron feridos.

Suprimidos os primeiros trens do día Ferrol-A Coruña

Renfe comunicou este mércores a suspensión de dous trens de Media Distancia entre Ferrol e A Coruña "debido a condicións meteorolóxicas adversas", en referencia á chegada da borrasca Ivo a Galicia.

A compañía pública estableceu un plan de transporte por estrada para as conexións das 06:35 horas entre A Coruña e Ferrol e das 08:40 horas entre ambas as cidades.

Entre o domingo e o luns, por mor do temporal Herminia, o servizo entre as dúas localidades tamén quedou temporalmente interrompido, do mesmo xeito que o que une Ferrol con Asturias, que non quedou restablecido ata o martes á mañá.

Este mércores, durante unhas horas, estivo interrompido o tráfico entre Ferrol e Ribadeo por unha árbore sobre as vías, aínda que Adif comunicou que a incidencia se solucionara e restableceuse o servizo

Cancelacións, desvíos e atrasos nos tres aeroportos galegos

Segundo informou AENA, no aeroporto de Vigo dous voos procedentes de Madrid non puideron tomar terra e tiveron que regresar a Baraxas, mentres que outro coa mesma orixe quedou cancelado.

No aeroporto da Lavacolla, en Santiago, desviouse un voo que procedía de Bilbao e que tivo que aterrar en Asturias. Isto provocou a cancelación do seguinte voo cara á cidade vasca.

Finalmente, no aeroporto coruñés de Alvedro, o voo procedente de Madrid que debía aterrar ás 08:40 tivo que ser desviado ao aeroporto de Santiago.

Na ría de Vigo o transporte marítimo foi suspendido polas condicións meteorolóxicas.

Dous mil usuarios quedan sen luz

Por mor dos fortes refachos de vento e precipitacións da borrasca, unhas 2.000 persoas en Galicia iniciaron a xornada sen subministración eléctrica.

Segundo informou Naturgy, seguen "en estado de alerta", o cal supón ter mobilizados "todos os recursos e reténs" para atender as incidencias e avarías eléctricas.

Así, hai 500 persoas actuando para liquidar esas avarías e seguen á disposición 50 grupos electróxenos ata que se recupere a subministración.

Alerta vermella o xoves por ondas no litoral da Coruña e Lugo

Galicia activará mañá xoves un aviso extremo por ondas de máis de 9 metros no litoral da Coruña e de Lugo pola borrasca Ivo, que tamén deixará choivas, vento, nevadas e frío polar, principalmente na montaña de Lugo e de Ourense.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade