Juana Rivas volve denunciar a súa exparella e pide que o fillo menor quede en España
O rapaz, de 10 anos, relatou que o pai "o obriga a mentir sobre os malos tratos que sofre" e a declarar ao seu favor no procedemento aberto en Italia

O equipo xurídico Juana Rivas presentou este xoves un novo escrito ante a xustiza italiana solicitando que o fillo menor desta española e a súa exparella, o italiano Francesco Arcuri, quede en España, unha medida que apoia nunha nova denuncia por violencia machista.
Nun comunicado do despacho de avogados que representa a Rivas, o equipo anunciou a presentación do escrito ante a Corte de Apelación de Cagliari (Italia), solicitando que Daniel, de 10 anos, quede en España. A petición enmárcase nunha nova denuncia de Rivas ao que foi o seu marido e no relato do menor dos dous fillos da exparella, que está en Granada cun permiso visitando a súa nai e o seu irmán, maior de idade.
O equipo tamén cursou unha denuncia ante a xurisdición penal italiana por ameazas e coaccións ao menor, que ao chegar a España relatou que o seu pai "o obriga a mentir sobre os malos tratos que sofre" e declarar ao seu favor no procedemento italiano. O neno ten "un medo terrible" ao seu pai e teme pola súa vida se volve a Italia, segundo esta fonte, polo que pediu axuda para quedar a vivir en España.
Rivas denunciou ademais a Arcuri por enviarlle mensaxes "intimidatorios" e por un "constante acoso telefónico", con máis de corenta chamadas nunha semana que, segundo o seu equipo xurídico, constitúen un delito de violencia de xénero.
O fillo menor tería que regresar este xoves a Italia co seu pai, que ten a custodia, aínda que Rivas solicitou ao tribunal que prorrogue a súa estancia en España.
Estas denuncias súmanse a un novo procesamento a Arcuri en Italia por malos tratos aos seus dous fillos que o italiano negou. Tamén se une ás declaracións do maior dos fillos, que pediu que o seu irmán estivese en España e alertou de que co pai estaba en perigo, o que Arcuri enmarcou na manipulación da contorna materna.
Juana Rivas foi condenada a cinco anos de prisión por subtracción de menores por desaparecer cos seus fillos en 2017 para evitar que volvesen coa súa exparella, ao que denunciou por malos tratos. O Tribunal Supremo de España estimou parcialmente un recurso e rebaixoulle a pena á metade.
Rivas recibiu un indulto parcial polo que o Supremo conmutou a súa condena por 180 días de traballos en beneficio da comunidade e un curso de parentalidade positiva, medida de graza que non eliminaba os seus antecedentes na xustiza italiana.